Os museos galegos reflexionan hoxe sobre o seu futuro na celebración do seu día internacional

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da exposición de Pauline Oliveros no CGAC
Detalle da exposición de Pauline Oliveros no CGAC PACO RODRÍGUEZ

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A maioría dos museos galegos participan estes días na celebración do día internacional dos museos, o 18 de maio, proposto polo ICOM (Consello Internacional de Museos), que, baixo o lema O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar, invita ás institucións, aos seus profesionais, ao público e as comunidades xurdidas arredor a crear, imaxinar e compartir novas prácticas que xeren valor, novos modelos de negocio culturais e solucións innovadoras para os retos sociais, económicos e ambientais que marca o século XXI.

Creado en 1977 para sensibilizar á xente sobre o rol que os museos deben procurar, este ano é inevitable que a pandemia e o duro impacto que ten sobre o sector protagonicen algunhas actividades.

A programación especial do Museo do Pobo Galego comporta este martes unha xornada de portas abertas con entrada de balde. Deixa para o xoves ás 18.00 horas unha visita á mostra OnsSoa comentada pola súa comisaria, Paula Ballesteros. Unha hora máis tarde organiza a mesa de debate Os museos galegos agora, coa participación de Santiago Olmo, director do CGAC; Aurelia Balseiro, do Museo Provincial de Lugo; Esperanza Gigirey, do Museo das Peregrinacións; e Manuel Vilar, do Museo do Pobo Galego.

O CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) programa martes e mércores (de 18.00 a 19.30 horas) un obradoiro en liña sobre escoita profunda dirixido pola frautista, compositora e improvisadora Jane Rigler e cun formato de seminario web que terá lugar en Zoom. As sesións recollen e difunden as metodoloxías de Deep Listening ideadas pola artista Pauline Oliveros (1932-2016), a quen o CGAC lle dedica unha retrospectiva ata o 13 de xuño. Este taller propón unha exploración creativa e comunal a través de actividades sonoras e experiencias multisensoriais.

No museo de Pontevedra haberá visitas guiadas. Este martes terá lugar unha intervención artística baseada nunha acción de creación participativa no edificio Castelao na que un grupo de artistas creará -entre as 11.00 e as 19.00 horas- un mural que xirará ao redor de O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar. Ademais, a pianista María Domínguez ofrecerá un recital cun pase ás 13.00 horas e outro ás 20.00.

O Museo de Belas Artes da Coruña ofrecerá este martes visitas guiadas á colección permanente ás 12, 18, e 19.00 horas.