Festa da lingua 365 días ao ano

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se atendemos á prolífica publicación de libros e discos que hai en Galicia (por poñer exemplos próximos) as letras galegas están ben vivas.

Edítanse libros de poesía, narrativa ou ensaio, entre outros. Discos en todos os estilos e na nosa lingua cun abano de calidade moi considerable. Son, sen dúbida, uns medidores de interese para cualificar o estado das nosas letras, e nese sentido parece que a cuestión non pinta mal.

Outra cousa é o resultado final e conclusivo de todo iso, e aí a cousa creo que xa entra nun estado máis crítico e ata cualificable de doente. Cando se celebra un día de algo, como neste caso o das letras galegas, preténdese facer visible un problema.

Eu levo escoitando dende o comezo da miña actividade aquilo de «a onde vas coa música galega e en galego?». E dende o comezo desa «retroneca» levo viaxado por máis de 35 países do mundo en galego e ben! Pero é certo que a cuestión do idioma galego non está para botar foguetes.

Igual que moitas outras linguas minoritarias, o galego está sufrindo un galopante retroceso no número de falantes e todo sinala un drámatico escenario nesa traxectoria decadente. Non hai que ser moi avespados para darse conta de que a presenza do galego no día a día é minoritario e cada vez perde máis espazos de interacción.

Se buscamos publicacións periódicas escritas en galego xa podemos procurar ben, apenas hai medios que se editen integramente no noso idioma. Nos medios galegos convencionais e máis populares, non creo que a lingua propia sobrepase nunca o dez por cento de presenza. Na radio, máis do mesmo, apenas existen emisoras que utilicen o noso idioma, a excepción de programas moi puntuais. Non falemos da televisión, onde todo se limita exclusivamente ás emisións das canles autonómicas oficiais e algunha que outra desconexión rexional ou local.

Todo o que escribo aquí non é novo. A desidia da cidadanía galega en xeral e o deixamento das súas institucións é notable e así imos. Mentres, eu seguirei celebrando os meus 365 días en galego e por suposto cada 17 de maio, pero, sobre todo, non porque sexa o día das letras galegas, que para min son todos, senón porque é o aniversario da miña muller que tamén fala galego os 365 días do ano, e aí é onde está a milagre de calquera idioma, falalo, sentilo, transmitilo…