«A poesía do retrato», 40 imaxes de Xela Arias en diálogo cos seus versos

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xulio Gil, que foi parella de Xela Arias, posa ante os retratos que lle fixo á poeta
Xulio Gil, que foi parella de Xela Arias, posa ante os retratos que lle fixo á poeta PACO RODRÍGUEZ

A mostra que abriu en Santiago reúne fotos da escritora tomadas por Xulio Gil

18 may 2021 . Actualizado a las 08:59 h.

«Esta mostra é unha festa da palabra retratada». Así describe o comisario, Xosé Enrique Acuña, a exposición Xela Arias. A poesía do retrato, na que os versos da escritora homenaxeada polo Día das Letras Galegas dialogan cos retratos que lle fixo o fotógrafo Xulio Gil entre os anos 1988 e 2001, cando eran parella. Trátase de máis de corenta imaxes que foron seleccionadas entre as máis de catrocentas que forman parte do arquivo persoal de Gil, hoxe doado ao fillo de ambos, Darío Gil Arias. A mostra pode verse ata o 25 de xullo na Zona C, o novo espazo cultural do Concello de Santiago situado na praza de Cervantes e que, precisamente, debuta con este proxecto.

Distribuídos polos tres andares do edificio que fora casa consistorial compostelá entre 1689 e 1787, os retratos en branco e negro en distintos formatos, tanto sós ou en ocasións agrupando varios, dialogan con versos de Xela Arias que non están en libros, destacou Marga do Val, autora dun dos textos do catálogo da exposición. «Ándanme sempre as mans facendo praias / imposibles; pode ser de non medrar / e caer no intento os dedos partidos» (Revolta, 1986) acompaña catro imaxes nas que as mans de Xela toman o protagonismo do retrato. Outras fotos, nas que a autora homenaxeada polo Día das Letras aparece ante un espello, complementan os versos «É que existes / e existo / e a pluralidade que nos contempla / enfréntanos e maltrátanos / non é máis / ca un espello do humano / un abano na túa man / que se aferra e me acaricia» (1984).

«Esta mostra nace do encontro entre dous creadores, unha poeta e un fotógrafo, entre a poesía extrema e a alta fotografía», explicou o comisario, destacando tamén a lealdade de Xulio Gil, «que salvagardou todos estes anos centos e centos de fotos de Xela». Nese mesmo aspecto incidiu Marga do Val: «Foi unha sorte termos todos eses retratos, que sei que inicialmente foron para Darío e que agora vemos todos».

As imaxes de Xulio Gil permiten achegarse ao universo máis íntimo da autora, que foi fotografada no seu período vital entre os 26 e os 40 anos. «Se eu me vou desde hoxe ao ano 91, 92, 88, 89..., nin Xela nin eu tiñamos concepto de transcendencia, de pensar que estabamos facendo algo que ía ter importancia. Era un xesto máis, fixémolo e punto», lembrou, engadindo que se algo lle gusta é «tratar ben» o que se pon diante da súa cámara.

Pola súa banda, Darío Gil asegurou que a mostra é moi emotiva para el, e explicou as razóns: «Por recordar todos os retratos da miña nai e, ao final, tamén porque é o traballo do meu pai», converténdose, ademais, nun diálogo entre dúas artes, como tantas veces fixo Xela Arias.

No acto inaugural participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que resaltaron a gran calidade das fotografías.