«Nación Mar», de cando os barcos se transforman en baleas

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Portada do álbum ilustrado «Nación Mar»
Portada do álbum ilustrado «Nación Mar»

A editorial Bululú publica o álbum ilustrado do mariñeiro, pintor e poeta ceense Xosé Iglesias 

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariñeiro, patrón de pesca de baixura, poeta, debuxante, colaborador de Radio Voz, fotógrafo, artista autodidacta, Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974) posúe un xenio innato que curtiu enrolado hai dúas décadas nun pesqueiro que sucaba as bravas augas do Gran Sol. Da súa voz lírica tiña o país noticia polos vídeos que sube á súa canle en YouTube, como tamén polos poemarios que no selo Caldeirón publicou no 2014 -Transfusión oceánica- e no 2017 -A relixión do mar-. Agora Iglesias amosa outra das súas artes, como pintor -vocación que xa de neno profesaba-, e ofrece no álbum ilustrado Nación Mar. Cetáceos, navíos, espíritos e mitos (Editorial Bululú) un canto ao nobre labor dos carpinteiros de ribeira, ao patrimonio das embarcacións tradicionais galegas, á historia da pesca, dos barcos e dos mariñeiros, á riqueza dos mares e das rías, ás lendas... Así, transforma os barcos que inzan o seu imaxinario íntimo -e tamén o colectivo-, que narran a memoria mariñeira de Galicia, que alimentaron as aventuras imaxinadas da súa infancia e xuventude, e convérteos nos verdadeiros habitantes dos océanos, fundíndoos fisicamente coas baleas, polbos, robalizas, centolas... mesmo os faros. «Eu coñecín de preto a fábrica dos soños [...]. Que ten a obra viva dunha embarcación no seu interior, senón o mesmo corazón dos cetáceos?», interrógase o escritor.

Xosé Iglesias, mariñeiro, poeta e ilustrador
Xosé Iglesias, mariñeiro, poeta e ilustrador EDUARDO PÉREZ

Nación Mar -de moi fermosa fasquía- dá dalgún xeito continuidade á exposición do mesmo título que en febreiro do 2020 inaugurou Iglesias na galería ceense Stoupa, que exhibía 15 acuarelas. O libro reconstrúe, di, a vida secreta dos seus soños, as metamorfoses da vida, un universo que rescatou dos esbozos e debuxos que adornaban os seus cadernos dos anos de instituto e da Universidade Laboral. «Porque xa o dixo Staffan Mörling -lembra no prólogo o músico e escritor Xurxo Souto-: “Galiza non é fin da terra, somos o centro do mar!”. Voen os barcos que se fan baleas. [...] Medre o mar! (e nós dentro)».