Galicia honra hoxe a poesía de Xela Arias, que busca «reencontrar o humano a toda hora»

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

siro

Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas profundarán, no pleno da RAG, na súa figura

17 may 2021 . Actualizado a las 09:56 h.

«A min sérveme a poesía, son adicta e dependente porque necesito reencontrar o humano todo a toda hora, por ver de me entender e entendervos, entenderme convosco». Tiña fe na palabra Xela Arias Castaño (Sarria, 1962-Vigo, 2003) e esa fe traspasa toda a súa obra, algo que o lector non deixa de agradecer, especialmente, nestes escuros tempos de pandemia. Expresaba esa confianza a escritora luguesa deste xeito tan fermoso e esclarecedor nunha conferencia que pronunciou hai pouco máis de vinte anos (o 4 de maio do 2001) no Círculo das Artes de Lugo: ¿Para que os poetas hoxe?, cuxo texto está dispoñible na web do Consello da Cultura e que recolle o libro-retrato De certo, a vida ía en serio, confeccionado pola profesora María Xesús Nogueira Pereira para o selo Chan da Pólvora.

E nese estilo seu, a tumba aberta, proseguía interpeladora a artista no seu discurso franco, sinxelo e directo: «Se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contraditoria e filla das miñas contradicións, se me parece insuficiente o labor das ficcións narrativas, novelescas ou fílmicas para saber de min, e eu son os meus semellantes, a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas». Que alguén atope unha mensaxe tan vixente nesta era do confinamento, do mirar cara ao interior dun e tamén aos ollos do outro, de deterse e reflexionar, de baixarse do mundo en velocidade ascendente que o século XXI vén deparando. Que alguén explique por que a poesía de Xela Arias redescuberta a golpe de festexo do Día das Letras Galegas está tendo o inusitado eco que ten entre os mozos e os non tan mozos. «Para que os poetas hoxe?», resultaría oportuno volver interrogarse. E quizais daquela insistir nunha resposta: para celebrar a palabra sanadora, para conmemorar a Xela Arias, que transgresora soubo adiantarse á súa época e -por que non- deixou uns versos tan xenerosos, tan cheos de vida urxente e de beleza puxante que ninguén será quen de afear -ao contrario- que centos de lectores se teñan subido ao seu festexo con tanto retraso, case vinte anos despois do prematuro pasamento da escritora nada en Sarria.

Tamén porque hoxe é xornada de festa en todo o país, cuxa capital será Vigo todo o día, 17 de maio, Día das Letras. Ata a cidade na que viviu a poeta se trasladará o pleno da Real Academia Galega (RAG), cuxo desenvolvemento acolle -a partir das 13.00 horas- o Auditorio do Mar de Vigo.

Alí os académicos Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas achegarán distintas olladas sobre a autora, «voz singular dunha xeración que trouxo a modernidade á cultura galega, e que tivo en boa medida a cidade de Vigo como epicentro», lembra a RAG. A palabra de Xela Arias, claro, terá sitio preferente neste encontro, incluída a actuación musical que corre ao cargo da cantante e actriz Mónica de Nut, o guitarrista Pablo Carrera e o clarinetista Fernando Abreu, quen preparaba coa escritora luguesa, a penas dous meses antes da súa morte, un espectáculo poético-musical baseado en textos do libro derradeiro, Intempériome (2003). Sobre aquela colaboración arman agora o espectáculo Vencerse é cousa de se tratar.

A celebración do pleno poderá verse en directo a través da páxina web da institución academia.gal, onde ademais xa están dispoñibles para o público os seis capítulos da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada e a serie de micropezas Xela Arias. Onde canta a poeta.

Dicía Xela Arias que a poesía era «o único territorio humano verdadeiramente libre» que coñecía, ao que engadía que este territorio «créase cando se escribe e créase cando se le, e crear é inventar o mundo e mais as marxes do mundo; pódese ter un poder máis grande?», inquiría. Velaquí un convite inmellorable para o día da festa das letras.

Laura LaMontagne e PicoAmperio reafirman a contemporaneidade dos versos da creadora luguesa 

Ao familiar ritmo das Ondas do mar de Vigo comezou a undécima edición do Concerto das Letras Galegas. Desta volta foron os artistas Laura LaMontagne e PicoAmperio os protagonistas, que partiron do seu repertorio habitual, adaptación actualísima da lírica medieval, para tirar unha fusión poética musical dos versos de Xela Arias. Organizado polo Consello da Cultura e celebrado no auditorio Mar de Vigo, o recital recreou unha atmosfera singular, dun ambiente hip-hop que dialogou harmonicamente coa esencia da obra da autora luguesa, e nunha velada que buscaba sintonizar cos mozos, tamén en recoñecemento pola resposta responsable que os máis novos deron fronte ao confinamento polo covid-19. O concerto abriu con Avelaneiras Frolidash e viaxou ata Senhora do Almortâo para mesturar os seus sons cos versos dos poemarios de Xela Arias Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos.

Todos os sons conducen a Xela

Carlos Crespo

A ela teríalle gustado que fose Lou Reed quen musicase os seus poemas. Mais non puido ser. De feito, ata estes días apenas houbo quen lle puxese acordes ao verso indómito de Xela Arias. «Non é tarefa doada», coinciden en sinalar todos os que agora se aventuraron a engarzar a música coa súa poesía. Pouco importa o territorio sonoro ao que se achegue. Os magnetismo extremo dos textos de Xela impón o seu carácter e determina o resultado final. Sempre suxerinte, enigmático, intenso, vivo.

 

Para sorpresa de non poucos, o Consello da Cultura Galega escolleu a Laura Lamontagne & Picoamperio para protagonizar o Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o domingo en Vigo (e que se emitirá na TVG o luns). Certo é que o dúo de electrónica e ambient xa se tiña achegado á tradición lírica galega, pero nunca á figura de Xela. Conta Laura Lamontagne que abordaron o proceso de composición sen cinguirse á literalidade de determinados poemas, senón collendo fragmentos duns e doutros. «Aínda así, intentei que as letras fosen como un contínuum, que os seus significados se relacionasen entre si».

Seguir leyendo