Alberto Portela equipara a Xavier Prado Lameiro con Rof Codina e Cruz Gallástegui

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xavier Prado Lameiro posa coa súa segunda esposa, Dolores Montes, nunha fotografía de estudio tomada en 1907. Á dereita, portada do libro monográfico que lle dedica a Prado Lameiro o académico veterinario Alberto Portela Vázquez
Xavier Prado Lameiro posa coa súa segunda esposa, Dolores Montes, nunha fotografía de estudio tomada en 1907. Á dereita, portada do libro monográfico que lle dedica a Prado Lameiro o académico veterinario Alberto Portela Vázquez

O académico veterinario exhuma inéditos do autor de «A retirada de Napoleón»

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xavier Prado Lameiro (Ourense, 1874-1942) foi un veterinario adiantado ao seu tempo «ao insistir en que o futuro do agro galego reside na especialización cunha produción de calidade» e «desempeñou un rol semellante ao que xogaron Cruz Gallástegui ou Rof Codina no desenvolvemento económico e social do campo galego, traballando a prol da produción cualitativa e os avances científicos». Así o defende Alberto Portela Vázquez, da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia e presidente da Asociación de Historia Veterinaria Gallega (e vicepresidente no ámbito estatal) en Xavier Prado Lameiro. Legado cultural e social (174 páxinas, 10 euros), libro de recente edición pola Deputación de Ourense. Gallástegui (1891-1960) fundou a Misión Biolóxica de Galicia, e Rof Codina (1874-1967) promoveu en Lugo a primeira gran clínica veterinaria, entre outros recoñecidos méritos que fan deles referentes da profesión e de gran proxección, mesmo internacional.

Portela tamén reivindica un maior recoñecemento da produción literaria de Prado e exhuma obra inédita. Os dous comparten o traballo como funcionarios inspectores provinciais de hixiene en Ourense: Prado na primeira metade do século pasado e Portela na actualidade.

A asociación entre a profesión e a dedicación cultural de Xavier Prado foi recorrente e Portela ofrece diversos exemplos. En 1918, en La Voz de Galicia, xa o facía Rey Alvite; tamén o seu amigo Vicente Risco, no seu obituario; ou o veterinario Iglesias Hernández en 1974, cando Ourense honrou o centenario do seu nacemento; e en máis ocasións.

Lameiro está na literatura galega pola súa poesía e o seu teatro, dun repertorio costumista. Manuel F. Vieites, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, salienta a «notable actualidade», de Luís de Castromouro e A retirada de Napoleón, rescatando este último texto en datas recentes o centro vigués, segundo refire no limiar deste volume. É lembrado no ámbito do xornalismo por participar na terceira etapa de O Tío Marcos d’a Portela, revista das Irmandades da Fala de Ourense, entre 1916 e 1919; e por constar como redactor xefe de Nós entre 1920 e 1923. Aínda que é por promover a Coral da Ruada polo que goza de maior recoñecemento, e este coro centenario mesmo outorga un premio co seu nome e entrega un busto en bronce de Lameiro como galardón.

Na sede deste coro, Portela deparou coa produción literaria inédita: afirma que «tiña preparado o quinto tomo [de teatro] como para a súa próxima edición, que o titula Carantoñas», e publica seis traballos inéditos. Porén, por fundar e presidir o colexio veterinario de Ourense, polo traballo e polos escritos profesionais merece especial atención de Alberto Portela, que proclama a actualidade dalgunhas das súas propostas.

A pesar deses méritos, de atinxir «gran popularidade e o aplauso do público», ser homenaxeado en 1978 en Xinzo, ou ter reeditado a súa obra Marcos Valcárcel en 1995 e Caseiro Nogueiras en 2013, Portela atribúe a posición periférica actual de Xavier Prado, e que non se inclúa no Grupo Nós, pola deriva ideolóxica no final da súa vida, adherido ao partido Unión Patriótica, e por apoiar as ditaduras de Primo de Rivera e de Franco. Porén, Portela conclúe que «Galicia ten unha débeda de gratitude coa súa figura».