Os premios Follas Novas distinguen obras de Aurora Marco, Suso de Toro, Ana Romaní e Xurxo Mariño

Miriam García
m. G. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A cerimonia celebrouse no teatro Principal compostelán
A cerimonia celebrouse no teatro Principal compostelán PACO RODRÍGUEZ

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Agradecementos pero tamén momentos para a reivindicación. Os Premios Follas Novas -a denominación desde esta edición para as distincións do libro galego- galardoaron este sábado a unha quincena de autores, proxectos e entidades no Principal de Santiago.

Un señor elegante, de Suso de Toro, foi a obra gañadora na modalidade de narrativa, mentres que A desvértebra, de Ana Romaní, acadou o de poesía. Raúl Dans levou o galardón de teatro por Só un home bo; Aurora Marco, o de ensaio e investigación con Irmandiñas; e Xurxo Mariño, o de divulgación por Unha mente que voa. Na modalidade infantil, a obra premiada foi Mar de mazá, de Elvira Riveiro; e na xuvenil, O mal querer, de Natalia Carou. O mellor libro ilustrado foi Contrahistoria de Galicia, de Rita Gutiérrez; o libro mellor editado, Nós Outras, de Marcia Campo e Menchu Lamas, publicado por Chan da Pólvora; mentres que o galardón de banda deseñada foi para O derradeiro libro de Emma Olsen, de Pablo Prado. A distinción para a iniciativa bibliográfica recaeu en A lavandeira de San Simón, de Xerais, e María Reimóndez recibiu o galardón da mellor tradución por A nosa negra, de Harriet E. Wilson. Os premios recoñeceron a mellor iniciativa do fomento de lectura, que levou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra; e o proxecto literario en rede, que foi para Galicia encantada, coordinada por Antonio Reigosa. Montse Dopico fíxose co galardón de xornalismo cultural.

 «Non é tempo de reducir investimentos, senón de adaptalos ás necesidades reais», reclamou o presidente da Federación Galega de Librarías, Ramón Domínguez, en nome das tres entidades organizadoras da gala, xa que tamén participan a Asociación Galega de Editoras e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Insistiu no desenvolvemento da Lei do Libro, un apoio ás empresas editoras e á escrita.

Recoñecemento honorífico para Xulio Amigo, Vieira e Manuel Arenas

Na gala tamén houbo momento para os premios honoríficos. A Asociación de Editoras de Galicia rendeu tributo ao editor Xulio Amigo, que faleceu o ano pasado. Foron as súas fillas Paula e María as encargadas de recoller o premio, asegurando que estaría moi contento por este recoñecemento. Pola súa banda, a Federación de Librarías de Galicia recoñeceu o traballo de Manuel Arenas, da Librería Arenas, que lembrou os 73 anos de actividade en distintos emprazamentos da Coruña. «Agardo que siga outros 73 anos máis», afirmou. Pola súa banda, a Asociación de Escritores en Lingua Galega nomeou Escritor Galego Universal ao angolano José Luandino Vieira, que non puido asistir.