La Voz ofrece hoxe o libro «Xela Arias. Para ser de todo»

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Xela Arias, a escritora protagonista do Día das Letras deste ano
Xela Arias, a escritora protagonista do Día das Letras deste ano xulio gil

A antoloxía e biografía pode adquirirse co xornal por 1,95 euros

17 may 2021 . Actualizado a las 11:21 h.

Como é tradicional, La Voz de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dun libro arredor da figura homenaxeada o 17 de maio. Deste xeito, o xornal ofrece este luns aos seus lectores o volume Xela Arias. Para ser de todo, que combina a achega biográfica cunha antoloxía da súa obra. Poderá adquirirse co diario ao prezo de 1,95 euros mais o cupón que figura no lombo.

A autora é Alba Cid, premio nacional de poesía joven Miguel Hernández o ano pasado, quen asina unha perspectiva biográfica moi persoal, case coma un diálogo con Xela Arias: de feito, trátaa de ti na introdución do texto. A escolma escolle algúns dos poemas máis significativos dos seus libros, que a propia Cid describe así: Tigres coma cabalos está imantado polas relacións, polas dependencias, polos corpos. Darío a diario é a experiencia moi particular sobre a maternidade, e Intempériome, a cristalización da Xela máis contida». 

Dúas entrevistas

O libro complétase tamén con dous textos a xeito de entrevista, asinados respectivamente por Manuel Rivas e María Xosé Porteiro, que permiten achegarse ao pensamento de Xela Arias dende a súa propia reflexión e as súas concepcións sobre o que escribía e o panorama literario. E, sendo a autora esencialmente poeta, non deixa de estar representada no libro a súa faceta como narradora, xa que se reproduce o conto A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia, co que Arias, sendo aínda unha nena de 11 anos, acadou o primeiro premio nun certame convocado por O Facho. O texto publicouse naquela altura en La Voz, en febreiro de 1974.

Xela Arias. Para ser de todo presenta así un retrato da escritora a través da súa propia obra e da mirada de Alba Cid. «Para min, o máis interesante foi a súa independencia como creadora, o libre que foi», describe. «Iso conecta co título, conforme ía descubrindo capas da súa biografía reafirmábame en que estamos ante unha persoa que quixo marcar os seus propios tempos coas súas regras, lembrando que a única tarefa da vida é chegar a ser unha mesma», engade a autora do libro.

Esa idea, de liberdade e de creación, ficará na memoria de quen se achegue á obra, que terá clara a noción de que para Xela Arias era importante a ambición literaria.