Ramón Domínguez, libreiro: «Crear unha plataforma de venda de libros galega non está enriba da mesa»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Domínguez substitúe a Pilar Rodríguez, de Padre Feijoo, logo de case dez anos como presidenta da Federación de Librerías de Galicia
Domínguez substitúe a Pilar Rodríguez, de Padre Feijoo, logo de case dez anos como presidenta da Federación de Librerías de Galicia CÉSAR QUIAN

O novo presidente da Federación de Librarías de Galicia defende que estes establecementos comerciais deben ser unha ferramenta de «dinamización cultural»

15 may 2021 . Actualizado a las 11:54 h.

Leva 27 anos receitando. Ramón Domínguez non atende tralo mostrador dunha botica nin o seu son as fórmulas mestras, senón as historias. O responsable da coruñesa Formatos é o novo presidente da Federación de Librarías de Galicia. A súa candidatura, arroupada por outros 14 espazos, impúxose á da ourensá Pilar Rodríguez. Chega con ganas de renovar o gremio e dotalo desa nova vida que xa están a xerar moitas destas casas dos libros no país.

-Era precisa a renovación?

-En Galicia temos moitas librerías das que podemos presumir, pero consideramos que si, que temos que darlle un novo impulso á federación. Vivimos nun mundo moi cambiante. Mudaron os hábitos de compra. Temos que modernizarnos e formarnos, o público e a realidade social son cada vez máis esixentes. A nivel interno, hai que mellorar e fomentar a comunicación entre nós, así como a transparencia.

-Como define o seu traballo?

-A nosa función é achegar a enorme bagaxe cultural aos cidadáns. É importante que a xente acuda ás librerías, esa compra vai a ser unha experiencia diferente, moito máis enriquecedora.

-Amazon é a súa competencia?

-Todas as plataformas online son unha competencia forte, aportan esa opción de achegar os libros dun xeito rápido, como con calquera produto. Pero, é un libro un produto máis? Para nós, non. Estas canles alleas ao sector van xerar maior concentración nas grandes empresas e perda de diversidade. As tecnoloxías teñen que axudarnos a ser máis competitivos, pero nós estamos na rúa, temos un contacto directo co público que hai que explotar. Facemos un labor social, prescribimos cultura. Temos que trasladarlle á sociedade o valor engadido destes espazos onde a implicación cultural é evidente.

formatos
CESAR QUIAN

-Sería unha alternativa crear un Amazon galego para os libros?

-Crear unha plataforma de venda propia galega é unha cuestión que non está enriba da mesa. Hai estruturas como Todos tus Libros, da Cegal, a confederación española, que xa están a funcionar. Cantos máis libreiros participemos nela, máis opcións teremos de ser competitivos. Hai moito camiño por facer e alternativas. Estamos abertos a falar con autores, editores e Administracións para impulsalas.

-Unha librería debe aspirar a ser máis que un punto de venda?

-Queremos ser máis protagonistas, dinamizadores culturais nos lugares onde esteamos. Tamén nas feiras do libro, hai que darlles maior relevancia e fomentar a interacción. Non queremos ser só punto de venda. Temos acceso a produción editorial e ao público. Hai unha oportunidade por diante de crear outro tipo de propostas e, para iso, o vínculo coas Administracións locais é fundamental á hora de desenvolver políticas culturais comúns. Isto mellorará a nosa capacidade para prestar mellores servizos e dignificará a nosa profesión ao darlle unha dimensión máis potente.

-É máis forte o libro en papel do que pensamos?

-No século XX, o libro tivo un desenvolvemento moi forte coa explosión da produción editorial, pero é unha realidade desde hai máis de 500 anos. A diferenza das ferramentas dixitais, ten a vantaxe de obrigarnos a repousar. O libro segue preservando ese tempo propio e a súa capacidade de transformación social segue intacta. O importante é que cada unha das partes da cadea faga ben o seu traballo. Cando unha falla, o produto final perde calidade.

-Seguen a pechar demasiadas librerías?

-Galicia conserva unha das maiores densidades de librerías por habitante de España. Algo que se explica polo espallamento do noso territorio, pero tamén temos unhas circunstancias climáticas que propician que se lea algo máis e hai unha cuestión de orde cultural: un extraordinario patrimonio propio. Na federación hai 135 librerías asociadas. Hai unha parte do tecido libreiro que non o está, temos que facer un labor para integralas na acción gremial. Especialmente, ter maior contacto coas librerías pequenas.