Unha constelación de iniciativas celebra a Xela Arias e as Letras Galegas

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

XOAN A. SOLER

Exposicións, libros e vídeos, entre outros, festexan a obra da escritora

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de medio cento de documentos conforman a exposición coa que a Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, conmemora o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias. O percorrido arranca co relato Xeliña fala galego que o seu pai, Valentín Arias, escribiu para o programa de festas de San Xoán de Sarria de 1968, e co conto A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia, publicado en La Voz de Galicia o 3 de febreiro de 1974 e co que gañara un premio literario. Despois, o percorrido expositivo mergúllase na súa chegada a Vigo e nos seus primeiros versos publicados. Tamén se inclúen os seus libros de poemas. Non se esquece tampouco a mostra das outras facianas da autora, reflectindo o seu traballo de editora en Xerais, así como a faceta de tradutora -co libro Amor de perdición, de Castelo Branco, polo que recibiu o premio de tradución da Sociedade da Lingua Portuguesa-. A exposición conclúe resaltando o compromiso social que sempre mantivo Arias, así como coa súa achega a outras artes, como a música. A exposición poderá visitarse ata finais de agosto e conta tamén con paneis ilustrados por Rebeca Varela.

Música

 A poesía de Xela Arias tamén foi obxecto de adaptacións musicais. Unha delas é a que propoñen a compositora e cantante Noelia Solleiro e o guitarrista Ángel Paz, que converteron en canción uns versos de Tigres coma cabalos, en concreto, o poema titulado Perder pé. A peza conta ademais cun vídeo que foi gravado na Casa das Campás de Pontevedra, con realización e edición a cargo de Pablo Lubiáns. É unha nova colaboración de ambos, que xa teñen unha longa traxectoria en solitario como artistas.

Biografía

A capela de San Roque en Sada acolle este sábado (12.00 horas) a presentación dunha das biografías que se publicaron recentemente sobre a escritora homenaxeada no Día das Letras. Trátase de Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias (Galaxia), de Montse Pena Presas. Acompañando a autora estará a tamén escritora Rosalía Fernández Rial.