Unha mostra itinerante percorre a vida e obra da poeta Xela Arias

M. garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

«Xela Arias. Asinamos ser libres» pode verse ata o 31 de maio en Santiago
«Xela Arias. Asinamos ser libres» pode verse ata o 31 de maio en Santiago Raquel Vázquez

A exposición, que chegará a once concellos, abriu as súas portas este luns na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago

11 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A exposición itinerante Xela Arias. Asinamos ser libres iniciou este luns a súa andaina na biblioteca Ánxel Casal, en Santiago de Compostela, co obxectivo de achegar a figura da escritora festexada este ano polo Día das Letras Galegas ofrecendo un percorrido pola traxectoria vital, artística e laboral da autora de Non te amola! O proxecto -impulsado desde a Xunta e comisariado pola profesora da Universidade de Santiago e biógrafa de Xela Arias María Xesús Nogueira Pereira- está conformado por unha decena de paneis que repasan desde os seus primeiros pasos dados en Sarria na década dos anos 60 á súa traxectoria en Vigo, así como as súas diversas facetas profesionais -desde a de escritora á de tradutora, editora ou docente-. 

Tamén se detén nos seus poemarios, como Tigres coma cabalos, Darío a diario, Denuncia do equilibrio ou Intempériome. Todo iso sen esquecerse do contexto histórico no que viviu a homenaxeada. Ademais, no apartado gráfico destacan os retratos do fotógrafo e parella da autora durante unha década Xulio Gil, que onte participou no acto inaugural xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, entre outros.

A mostra, organizada con motivo do Día das Letras Galegas, achegarase ata final de ano a once concellos galegos. Despois da súa estancia na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago -ata o vindeiro 31 de maio-, e antes de que remate o verán, recalará en Vigo, Sarria, Pontevedra, Amoeiro, Outes e Lugo. Xa nos meses de outono continuará o seu percorrido por A Coruña, Ourense, Boiro e Celanova.