Pepe Carballude: «Con este libro quero reivindicar a presenza feminina na arte»

Xosé Ameixeiras
x. ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Rescata os grandes nomes da pintura galega na figura de Maruja Mallo nunha lea por unha falsificación de cadros

10 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os cadros, Rubín, coñécense a poder de convivir con eles», explícalle o galerista ao detective que investiga a falsificación dunha colección de obras de Maruja Mallo que recolle nunha pasaxe a nova novela de Pepe Carballude (premio Barco de Vapor nos anos 1986 e 2002). Con este libro, A pintora libertaria, o autor estradense quería «reivindicar a figura feminina na arte, unha homenaxe á muller personalizada nunha artista, a máis libre e máis grande», a creadora viveirense Maruja Mallo.

O mundo que envolve a Pepe Carballude (1956) marca moito esta obra editada por Galaxia dentro da colección Costa Oeste. O latín, a arte galega e a historia da emigración están moi presentes nun relato no que tampouco está ausente o humor. «Todos os coñecementos que un vai adquirindo ao longo da vida», razoa o escritor: «A relación estreita que tiven con Neira Vilas, que me ten contado como era a emigración, como era esa outra Galicia». Abriulle todo ese mundo. O propio Carballude estivo en Bos Aires co escritor Arturo Cuadrado, «que presumía de ter coñecido a don Ramón del Valle-Inclán, e foi amigo de Luís Seoane e de Eduardo Blanco Amor».

Vila do Pazo é o lugar onde transcorren os feitos principais que narra a novela. Ben podería ser a propia Estrada natal do autor ou calquera outro lugar da comarca de Tabeirós e Terra de Montes. Incluso o nome da súa aldea natal, Rubín, é personalizado na figura do detective. Mesmo Pepe Carballude foi a unha escola como a que na novela se converte en Museo da Emigración. «É para min unha honra ter ido a unha escola feita con cartos da emigración, de Cuba, en concreto. Foi inaugurada no ano 1907», recorda.

Cada capítulo, un refrán

O autor inicia cada un dos dez capítulos cun refrán. E faino porque pretende darlle ao relato unha «referencia popular». Di que «o galego fala con refráns. Cando o Quixote reprende a Sancho por falar con refráns, este contéstalle que se lle quita os refráns é como se se volvese mudo». Opina que as sentenzas populares agochan un tesouro de filosofía e con elas pretende resumir o contido de cada capítulo.

O ruído da política

A trama de A pintora libertaria aparece envolta nos ruídos típicos da política municipal, o mundo da promoción urbanística, a falsificación das obras de arte e as creacións dos grandes artistas galegos, moitos deles emigrados ou exiliados, con obras espalladas polo mundo adiante e con traficantes ávidos de diñeiro ou gloria, que aparecen salferidos ao longo do libro.

A obra é unha homenaxe a Maruja Mallo, pero tamén «ás mulleres, ás mulleres dos artistas», expresa sen ningún tipo de dúbidas Pepe Carballude. O novelista apunta que coñeceu a Maruxa, a compañeira de vida de Luís Seoane, á de Felipe Criado, «que aínda a trato agora», subliña. «Sempre se fala dos homes, sempre se fala de Díaz Pardo, pero detrás de Díaz Pardo estaba Minina, detrás de Seoane sempre estaba Maruxa», recalca.

No entanto, a figura central é Maruja Mallo, a gran transgresora, a das Sensombreiro, tan relacionada con todos os poetas da Xeración do 27, a gran surrealista, «unha muller libertaria que tivo amores con Rafael Alberti e con Miguel Hernández». Da relación con este último saíu El rayo que no cesa, «un canto ao desamor», polo profundo baleiro que lle deixou a pintora. En fin, unha obra narrativa a de Carballude nacida da pandemia e cargada de acontecementos e escenarios reais.