María José Rielo: «Facer música vai moito máis alá de interpretar o que vén na partitura»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A intérprete María José Rielo imparte esta semana clases de fagot na compostelá Escola de Altos Estudos Musicais
A intérprete María José Rielo imparte esta semana clases de fagot na compostelá Escola de Altos Estudos Musicais Sandra Alonso

A intérprete de fagot lalinense combina o seu labor en orquestras coa docencia

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non soprara as dez candeas a lalinense María José Rielo cando empezou a tocar o fagot. «Ao principio, facíao algo torcida porque o instrumento pesaba moito e a man esquerda non soportaba moi ben o peso», lembra. Non era o seu primeiro achegamento á música. Antes tocara a gaita e a pandeireta na Carballeira de Cercio (Lalín), pero unha visita dun frautista ao seu colexio para falar do conservatorio mergullouna para sempre na música clásica. Actualmente é membro da Orquestra Sinfónica do Gran Teatro do Liceo e primeiro fagot convidado da Orquestra de Cámara de Múnic, ademais de exercer de solista con múltiples formacións. A iso engádelle o labor como docente no Conservatorio Superior do Liceo de Barcelona, na Escola Nacional de Música de Cataluña e o vindeiro curso será mestra no Fórum Musikae (Madrid). Este xoves e o venres formará a fagotistas na Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago.

-A música clásica segue lonxe da cativada ou agora está máis próxima?, porque vostede achegouse ao fagot tras a visita dun músico á escola.

-Hoxe penso que está máis preto da xuventude por todos os portais dixitais que hai para escoitar todo tipo de música, que antes non os había. Cando era rapaza non existía o Spotify. Lembro que cando me regalaron o meu primeiro cedé -que eran os concertos de Mozart de frauta, fagot e clarinete- tíñao como ouro en pano. Escoitar música clásica custaba o seu, e hoxe calquera tipo de música telo á man. O que non é tan doado é asistir a actuacións porque os prezos son moi altos. En Alemaña podes acceder a unhas entradas para estar de pé por 10 euros. Aquí non coñezo esta posibilidade e os concertos aínda non están moito ao alcance dos estudantes. Pero si que se vai facendo camiño, por iso son optimista, xa que pouco a pouco vai mellorando.

-Coa interpretación combina o labor docente. Que lle aporta?

-Cando volvín a España despois de estudar en Alemaña, non estaba dentro do meu pensamento dar clases, pero chamáronme do Conservatorio Superior do Liceo para facelo. Sempre me pareceu moi importante combinar. Coa orquestra céntraste no teu repertorio, no teu estudo persoal..., e nas clases buscas dar coas ferramentas para que o alumno poida seguir avanzando. Sempre intento ilusionar e transmitir a paixón pola música, que é unha disciplina marabillosa; non é estar nunha oficina e cuñar papeis, senón que temos esa capacidade de crear sentimentos. A xente vén a escoitarte e podes remover algo nela, crear moitas emocións.

-Que é o que máis lle interesa inculcar aos alumnos?

-Para min, a máxima é facer música. Non consiste só en interpretar o que está na partitura, tocar e xa está. Sempre tes que buscar o que queres transmitir vendo que tipo de música é, que estilo, que tipo de vibrato... O principal punto é expresar; aínda que está claro que hai unha parte técnica, pero o que o público ve é a expresión. O prioritario é a música, a técnica está ao servizo da música; entón para min o obxectivo é que queiran facer música. Hai intérpretes que che gustan máis ca outros. Cal é a diferenza? Hai persoas que tocan un instrumento e outras que fan música, eu quedo coas que fan música. Facer música vai moito máis alá da propia execución do instrumento e de interpretar o que vén na partitura, para min é o prioritario. Entón, que se necesita para facer música? Un bo son e unha boa técnica. Todo vai da man.

-Estivo oito anos en Alemaña. Recomenda marchar fóra de Galicia e de España para formarse?

-Oxalá non tivese que recomendar marchar porque significaría que aquí a nosa calidade da ensinanza é magnífica, que as nosas universidades son magníficas, que se apoia a cultura, que hai becas suficientes..., pero aquí a cultura non está valorada. Na desescalada da crise sanitaria, o fútbol empezou antes co colexio. Para min, ir a Alemaña foi unha experiencia moi positiva. Recoméndoo porque é estar con músicos de todas as partes do mundo, de todos os idiomas, e conectar musicalmente con moitas persoas.