O Consello da Cultura edita «¡Non te amola!», o libro de contos que Xela Arias escribiu como legado familiar

b. casal SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Presentación do libro de Xela Arias celebrada na sede do Consello da Cultura Galega
Presentación do libro de Xela Arias celebrada na sede do Consello da Cultura Galega Raquel Vázquez

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A cabalo entre os recordos e a ficción discorre ¡Non te amola!, o libro de contos de Xela Arias que o Consello da Cultura Galega vén de editar para conmemorar a obra da homenaxeada este ano co Día das Letras. A publicación, unha rareza entre a súa produción, está composta por 16 pequenos relatos coa nenez da escritora no centro. «Sentín vertixe cando collín o texto por se non encontraba a miña Xela, pero desde o primeiro capítulo empecei a ver chiscadelas e detalles que non son casuais. É unha Xela diferente, pero nestes contos está ela: a Xela familiar, a reivindicativa e a transgresora», explicou Ana Iglesias, amiga persoal e autora do estudo crítico que acompaña a edición, na presentación que tivo lugar este martes en Santiago.

Os contos, tamén publicados por Galaxia, foron escritos a principios dos anos noventa e no seu día recibiron unha axuda para ser editados, mais a escritora decidiu deixalos para o ámbito familiar. «Teño a sensación de que os escribiu como un agasallo para a súa familia, que agora nolos regala a nós», enxalzou Iglesias, acompañada da presidenta do CCG (Rosario Álvarez), a ilustradora da edición (Bea Gregores) e o fillo de Arias (Darío Gil). Este último celebrou a publicación e ademais expresou a alegría da familia por ver que neste ano de homenaxe estanse a abordar as distintas caras da súa nai, desde a tradutora ata a activista.

Pola súa banda, a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, describiu o libro -que xa se pode descargar de balde na páxina web do CCG- como «un conxunto de vivencias que non teñen as dúbidas da escritora adulta, pero si as da nena» e destacou o uso da lingua na voz protagonista. «É un galego tradicional, espontáneo e moi verosímil», salientou Álvarez. A presidenta do CCG tamén puxo en valor «a ollada pícara» da ilustradora, Bea Gregores, quen pola súa parte sinalou a dificultade de traballar sen o respaldo da autora no proceso creativo. «Servinme das redes e da información que se está a compartir dela. A Xela non lle gustaba ser o centro de atención, por iso preferín ilustrar o seu mundo. Iso é o que define o que vén despois», explicou Gregores.