Anxo Rajó, excompañeiro de aula, asina unha biografía con datos e fotos inéditas
04 may 2021 . Actualizado a las 10:12 h.Ocorre a miúdo que as homenaxes do Día das Letras Galegas requiren de introdución, de contexto. Ampliar a difusión da obra de autores que merecen quedar nas baldas dos lectores de hoxe é un dos labores claves deste festexo. Así, tan vital coma a edición ou reedición dos textos son as súas biografías. Anxo Rajó (Vigo, 1973) foi o encargado de facelo -para o selo Ir Indo- arredor da figura de Xela Arias, con menos tempo do habitual (a pandemia atrasou o nomeamento anual) e coa dificultade engadida de ser unha autora dabondo hermética, unha poeta que non se prodigaba nos medios opinando disto e daquilo, que nin viña a falar do seu libro nin do doutros.
Rajó, licenciado en Filoloxía Galega e Portuguesa pola Universidade de Santiago, ten músculo dabondo para abordar a tarefa que xa fixera na mesma editorial ao debuxar o perfil de Otero Pedrayo. O de Xela Arias tíñao máis preto fisicamente, xa que, como conta -aínda que ela era uns dez anos maior, pois deixara a carreira que logo retomou-, coincidiron nas aulas da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo e logo tamén nas de Compostela facendo a especialidade, ela de Hispánicas e el de Galego-Portugués.
«Era unha muller moi discreta, naquel tempo eramos como cento e pico en cada clase e ninguén sabía nada de que ela escribía. Pero empezouse a falar. Daquela tiña publicado Tigres coma cabalos e foi entón como a descubrimos», relata. A casualidade de coñecela persoalmente motivou aínda máis ao vigués, que é profesor de lingua e literatura galegas no IES República do Uruguai de Vigo pero segue ligado ao mundo editorial e á investigación.
Ao respecto, no seu currículo ten un dato incontestable: «Cando hai anos ía á Fundación Penzol era o segundo, por detrás de Xesús Alonso Montero, que máis entradas tiña rexistrado alí», apunta Rajó, que foi coordinador de literatura da Enciclopedia Galega Universal e coordinador xeral do Dicionario Enciclopédico Galego Universal.
Na súa biografía sobre Arias, o autor ten en conta o carácter didáctico e o público obxectivo para o que está indicada, os estudantes de secundaria, aínda que é tamén unha excelente ferramenta para iniciarse na andaina vital e literaria da poeta. «No libro fixen unha recreación da súa vida en base aos datos que eu tiña, os que tamén me proporcionou a súa parella, o fotógrafo Xulio Gil, co que teño moita relación a través dos Premios da Crítica, e a grande axuda que recibín dos investigadores da Casa Galega da Cultura, que me facilitaron algúns dos primeiros textos que escribiu nada máis chegar a Vigo, con 9 anos e precisamente sobre a cidade», sinala Rajó.
A obra inclúe tamén unha cronobiografía e varias referencias á súa obra. «Non me meto na crítica porque non son un especialista, pero intento traducir algo do que os críticos teñen sobre ela e sobre o que se poda traballar, porque é densa para rapaces de bacharelato, e para público adulto tampouco é moi doada», recoñece. O autor de Xela Arias, poeta e tradutora engade a esta edición datos e fotografías, «algúns deles inéditos, que me proporcionaron tanto Xulio Gil como o seu fillo Darío, que tamén colaborou comigo», subliña Rajó.