Margarida Mariño converte os versos de Xela Arias en canción cunha fusión de chelo e electrónica

A violonchelista viguesa participa na serie de micropezas sobre a poeta luguesa que promove a Real Academia Galega

A violonchelista viguesa Margarida Mariño, en plena interpretación
A violonchelista viguesa Margarida Mariño, en plena interpretación

redacción / La Voz

A violonchelista Margarida Mariño participa na serie de micropezas sobre Xela Arias que promove a Real Academia Galega. A proposta da artista viguesa, que fusiona chelo e electrónica, ponlle música e voz a versos de Tigres coma cabalos, o segundo poemario da autora que este ano festexa o Día das Letras Galegas. O videoclip da canción, gravado no Museo do Mar de Vigo, foi producido pola RAG e pode verse xa na web academia.gal (e na súa canle de YouTube).

Mariño escolleu o poema que arrinca co verso «Ti poñéndote fóra da vida dos gritos», ao que pertence tamén o que di «Tigres coma cabalos abrasados» e dá nome ao libro que Arias publicou, hai xa tres décadas, en diálogo coas fotografías de Xulio Gil. «Coido que a poesía de Xela Arias encaixa moito coa miña forma de facer música, no sentido de que son textos breves pero moi potentes e precisos. A poeta ten, dende o meu punto de vista, unha precisión á hora de empregar as palabras para describir xusto esa emoción ou esa situación na que estás pensando, e iso encántame», explica a violonchelista.

Ela interesouse pola súa obra xa hai tempo, pero non foi ata o anuncio de que sería a protagonista das Letras Galegas cando profundou na súa obra. E cando recibiu a proposta da RAG para participar na serie de micropezas Xela Arias. Onde canta a poeta, soubo que lle rendería homenaxe coa linguaxe musical. Dubidou entre varios poemas, e a escolla final está guiada non só polo que os versos transmiten. «Á hora de musicar un poema, hai que valorar moitas cousas. Primeiro, a lonxitude do texto, porque me gusta empregalo enteiro, sen retallar; e tamén é importante a rítmica das palabras, os seus sons fonéticos e, por suposto, que a estrutura dea xogo de cara a converter algún verso en retrouso, se ten forza dabondo como para ser o protagonista da canción», sinala.

Mariño naceu e reside en Vigo, a cidade que acolleu a Xela Arias dende os 7 anos. A creadora integra distintos proxectos musicais: colabora con Fernando Barroso, con quen publicou Silence Lovers (2017) e Xograr (2020); co quinteto de indie-jazz de Iago Marta; ou o Trío Eixos Cromáticos, encabezado por Alba Barreiro e centrado en poñer en valor clásicos galegos como Jesús Bal y Gay ou Andrés Gaos. Dende o 2020 traballa no seu proxecto en solitario Cello&Electronics, mesturando o instrumento que comezou a tocar aos 8 anos coa electrónica.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Margarida Mariño converte os versos de Xela Arias en canción cunha fusión de chelo e electrónica