Arantza Portabales: «Ás veces hai que atopar o camiño para darlle ao lector o que agarda de ti»

A narradora retoma aos policías Abad e Barroso en «A vida secreta de Úrsula Bas», novela que dá continuidade a «Beleza vermella» e chega ás librarías o 6 de maio nas súas edicións en galego e castelán

O selo barcelonés Lumen editará proximamente na súa tradución ao castelán «Sobrevivindo», a novela coa que Arantza Portabales gañou o 15.º premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
O selo barcelonés Lumen editará proximamente na súa tradución ao castelán «Sobrevivindo», a novela coa que Arantza Portabales gañou o 15.º premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

Redacción / La Voz

Unha muller (escritora de éxito) pechada nun soto, illada, secuestrada e recluída por un home. Así comeza A vida secreta de Úrsula Bas, a nova novela da escritora galega Arantza Portabales Santomé (San Sebastián, 1973), que chega o xoves 6 de maio ás librarías simultaneamente nas súas edicións galega (Galaxia) e castelá (Lumen). Podería parecer que é unha reelaboración do conto Vou a por ti (a vida secreta de Úrsula B.), incluído no volume Historias de mentes (Bululú), pero non é así. Ata mudan os nomes do marido e a filla de Úrsula; onde estaban Álvaro e Ximena están Lois e Sabela.

Aquel relato só lle serviu a Portabales para achar a voz da protagonista, unha muller ameazada por un admirador de seguida convertido en amante para logo, na súa obsesión, devir en raptor. «O relato foi a panca para erixir o imaxinario desta muller, pero construín un universo novo, unha relación nova, unhas dinámicas novas, un personaxe novo, e para crear unha novela negra na liña de Beleza vermella. Por tanto, mantéñense o nome da vítima e o espírito da historia, a situación, o medo, o acoso, o sentirse responsable, porque ela séntese responsable por ter consentido un affaire co seu acosador. Volvo así a un tema recorrente na miña literatura, a culpa, porque ao final deches pé a que esa persoa entrase na túa vida, afectando non só á túa vida, senón á vida da túa familia», explica a autora.

A nova novela -que retoma aos policías Santi Abad e Ana Barroso- arrinca case ano e medio despois de Beleza vermella. Nada máis rematala con aquel final -«foi algo non previsto, o corpo pediumo así, cos dous investigadores como pendurados, aos pés da comisaría; a vida non ten punto final», di-, soubo que tería que continuar na súa compaña e desenvolver o estreito vínculo que acadaron os dous axentes. Na decisión non lle pesou o éxito. Nada. «Cando empecei esta novela aínda non sabiamos as vendas que ía lograr Beleza vermella. O que si sabía é que a xente estaba agardando a evolución desa relación. E non llelo podía negar. Sempre escribo o que me peta, pero ás veces hai que atopar o camiño para darlle ao lector o que agarda de ti. E se ti lle dás nunha primeira novela unha relación tan potente non podes entregarlle un perfil neutro na segunda, non podes pasar por ela de puntiñas», asegura.

Portabales tratou de que a relación Abad-Barroso non capitalizase o protagonismo da novela, queríallo dar a Úrsula. A idea do acosador roldáballe a cabeza moi fortemente tras aquel conto. E as dúas liñas converxeron. As editoras pedíanlle outros proxectos, pero ela porfiou. «Non sigo un plan comercial, a miña escrita móvese por impulsos», insiste para admitir que as cinco edicións en galego e catro en castelán que leva xa Beleza vermella acabaron por darlle a razón nesa aposta persoal.

No ínterim entre novelas, Abad estivo intentando compoñer a súa vida, buscar unha solución. A relación que tivo e ten con Barroso entra noutra dimensión mediatizada polo feito de que ela sabe que el ten un problema serio de xestión de ira, que pegou á súa esposa. «Conservando a atracción que ningún dos dous pode negar, temos que Ana se debate entre a precaución e o medo, poñendo escusas para coller distancia e centrarse na carreira profesional. Incluso se sorprende de ser quen de estar cun tío capaz de darlle unha malleira a unha muller. E temos a ese Abad que non é nin branco nin negro, senón gris, que loita por curarse, tratarse, facer terapia…», relata. Mentres isto sucede -cunha narración do procedemento policial, nunha terceira persoa ao uso-, noutro plano narrativo están senllas voces (en primeira) reflexivas da vítima e do vitimario.

A Arantza Portabales escribir novela negra resúltalle moi divertido, e cre que o lector o percibe cando se achega ao texto. Agora está traballando noutros temas -«en algo máis intimista, máis libre, máis actual, non suxeito ao xénero policial»-, pero coida que «Abad e Barroso son moi apetecibles, que esta parella ten futuro, se me acompaña a xente e me acompañan as forzas. Son personaxes que me enchen moito e síntome moi cómoda transitando Compostela porque as súas rúas son o escenario polo que transito cada día». De feito, recoñece, a súa cabeza xa vai argallando o asunto, aínda que non empezou a escribir.

 

«Co covid-19 descubrimos que a vida é fráxil e valiosa»

A novela negra é sobre todo o pretexto de Arantza Portabales para abordar o que lle preocupa dun xeito que o lector poida gozar. En Beleza vermella falaba da culpa, de como as decisións dun acaban marcando as vidas dos demais. Este libro serviulle para tratar o momento vital no que está —«eu e toda a miña xeración», subliña—. «Úrsula está absolutamente perdida, necesita vivir como se fose a morrer mañá, precisa apaixonarse, sorprenderse, quere respostas pero só ten preguntas, unha circunstancia na que observo á xente da miña idade, camiño da cincuentena. Esta reflexión vai por debaixo do iceberg, e por riba o que vemos é sempre unha loita contra o reloxo, unha estrutura de novela de quebracabezas, de dosificación moi medida de información», describe.

Portabales advirte unha urxencia xeneralizada «de vivir cada vez máis», algo que cre que coa pandemia quedou clarísimo: «E este vivir non é levantarse, respirar, ir traballar e durmir, senón tocarse, beber, saír, cantar, ter relacións... Ese vivir que tiñamos antes e non nos decatabamos do importante que era».

Ela concluíu A vida secreta de Úrsula Bas cando viña de pasar o covid. «Deixoume moi abatida, cando fun quen de erguerme acabeina, a penas me quedaban dúas páxinas e xa as tiña na cabeza. Por iso pecha o relato así: “Este libro rematouse de escribir en Teo en abril do 2020 durante a pandemia do covid-19 cando descubrimos que a vida era fráxil e valiosa”. Eu estiven tres semanas bastante enferma, e despois arrastrei moita tose e un cansazo que me impedía case levantarme do sofá. Comecei a enfermar en marzo, cando non había información, nin había probas e ata non ía ao médico por medo. Pasei dezaseis días de febre, vivín o pánico do illamento. Vin paradoxal estar escribindo sobre unha escritora que estaba soa e illada e que cara ao final eu rematase dentro dunha habitación soa e illada. O que me queda desta Úrsula é que quere vivir», incide a autora.

Hoxe, coa saúde xa restablecida, Portabales está moi contenta co resultado do traballo, unha novela, di, menos policial e máis psicolóxica, e sobre todo máis madura que Beleza vermella.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Arantza Portabales: «Ás veces hai que atopar o camiño para darlle ao lector o que agarda de ti»