O premio Alvite distingue a traxectoria como articulista de Marina Mayoral

O galardón recoñece a súa visión dos temas de actualidade, na que conflúen a análise e a perspectiva feminina

A escritora Marina Mayoral
A escritora Marina Mayoral

Redacción

O premio Xosé Luís Alvite 2021, que concede a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), vén de recoñecer a traxectoria como articulista da escritora e catedrática emérita Marina Mayoral. O galardón salienta  a capacidade da autora, que publica regularmente os seus textos en La Voz de Galicia, para reflectir unha visión propia dos temas de actualidade, «a través dunha detallada análise na que adoita estar presente a perspectiva feminina, que caracteriza a maior parte da súa obra como creadora e investigadora».

En paralelo á súa dilatada carreira como autora e docente, Mayoral sempre cultivou o columnismo. Dende os seus inicios na literatura xa contribuía con pezas a xornais históricos como La Noche, de Santiago. Por iso, a escritora recibiu a noticia da concesión do premio Alvite cunha alegría que tamén a devolveu a aqueles tempos: «Tiven a impresión de que o tempo se rebobinaba a toda velocidade ata chegar á imaxe dunha nena de doce anos que dicía con gran seguridade: Eu quero ser xornalista. Xa daquela escribía poemas, contos, e prosas variadas ás que entón chamaba “redaccións” e que se parecían bastante ao que escribo actualmente en La Voz de Galicia».

Marina Mayoral, nacida en Mondoñedo en 1942, goza dun recoñecido prestixio no ámbito literario, con diversos galardóns e a súa designación como Académica de Honra da RAG no 2017. Os seus libros reedítanse e algúns dos seus títulos foron traducidos ao alemán, italiano, portugués, catalán, polaco, inglés e chinés. Ademais, os seus estudos sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán son referentes no eido da investigación literaria. Pero, segundo recoñeceu a autora, a súa faceta xornalística ficaba nun segundo plano, mesmo cando algúns dos galardóns que recibiu gardaban relación directa cos seus artigos, como a medalla Castelao ou o premio Voz de Liberdade do PEN Club de Galicia. Unha circunstancia que o premio Alvite vén a reparar: «Agora é distinto, son xornalistas os que me elixen como a unha deles. O círculo pechouse. A nena que quería ser xornalista séntese agradecida e satisfeita».

Restricións

A APG tradicionalmente fai coincidir a entrega deste galardón co día 3 de maio, data na que se celebra o Día da Liberdade de Prensa. Nesta ocasión, debido ás restricións por mor da pandemia, o acto queda aprazado ata o vindeiro 22 de outubro, cando se celebrará a entrega na cidade natal da galardoada, Mondoñedo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

O premio Alvite distingue a traxectoria como articulista de Marina Mayoral