Hemingway-Líster

CULTURA

01 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Ernest Hemingway e o mando militar republicano Enrique Líster coñecéronse durante a Guerra Civil e non simpatizaron nada, quizais porque o escritor tiña o mal costume de apoiarse na súa fama literaria e xornalística para moverse entre os cadros militares e obter información privilexiada. E isto foi así ata que ousou entrar nunha tenda de campaña, en Guadalajara, na que estaban reunidos os mandos que encabezaba o militar galego, nacido en Ameneiro (Teo, A Coruña) en 1907. Líster observouno uns minutos e escoitou o desexo do norteamericano de participar no debate militar e logo ir con eles ata a primeira liña de combate para facer a súa crónica. Esgotada a paciencia, o mando galego chegara á conclusión de que Hemingway non estaba entendendo «a loita do pobo español en toda a súa profundidade», e botouno fora da xuntanza, á que nunca fora convidado.

Nas súas memorias, Líster contou este episodio, sen dicir que o botara a empuxóns, como de certo sucedeu. Pero si relembrou o día en que se coñeceran os dous en Madrid e Hemingway lle dixera: «No estranxeiro din que vostede non é español, pero vexo que non é certo». Líster, co seu humor galaico, respondeulle: «Pois si que o é, porque efectivamente eu non son español». Moi interesado ante a posible novidade xornalística, o escritor preguntoulle cal era entón a súa nacionalidade. Líster respondeulle: «Eu son galego». E todos riron con ganas. Todos menos Hemingway, que quedou moi serio e moi ofendido pola chanza.

A publicación da seguinte novela do norteamericano (Por quen dobran as campás, 1940) indignou a Líster, que o acusou de non ter entendido nada do que pasara en España…, aínda que logo recoñeceu que Hemingway sempre se identificara coa causa republicana durante a guerra e ata a súa morte. E comprendeu o que ocorrera: que o americano se deixara levar polo seu carácter «apaixonado e rancoroso». Por iso, cando o galego leu o que dicía del, non se estrañou: era a revancha do escritor por todo o que el non lle deixara ver. «Mais -escribiu Líster- eu sempre lle gardei o afecto que naceu na guerra e sei que, ata a súa morte, el me conservou o seu».