Helena Villar Janeiro: «Comecei a escribir nos Ancares, alumeando con carburo polas noites»

A lucense, que é escritora, docente e membro correspondente da RAG, fala da súa traxectoria tras unha vida dedicada ao ensino e á lingua

Villar Janeiro na súa casa de Rianxo
Villar Janeiro na súa casa de Rianxo

Lugo / La Voz

Helena Villar Janeiro (Becerreá, 28 de setembro de 1940) é unha escritora lucense afincada en Rianxo. Xubilada hai 20 anos tras unha vida dedicada á docencia e ao ensino, é membro correspondente da Real Academia Galega (RAG). Ademais é poeta, ensaísta, tradutora e articulista. A súa obra é numerosa e conta cunha destacada traxectoria. Con varios premios, fala da súa infancia nos Ancares, pero tamén das súas paixóns. En definitiva, da súa vida.

-Onde naceu?

-Eu nacín nunha época triste nunha casa de aluguer á que volvín máis tarde como alumna por libre de bacharelato e finalmente, como profesora. Esa foi unha casa moi importante na miña vida, e dar clase era o meu soño. Aos catro anos mudámonos e o cárcere daba á nosa horta. Meus pais, que sempre entenderon, permitían que os familiares falaran cos presos aló, a carón da miña casa e a horas non permitidas. Foi unha aprendizaxe. Naquela casa tamén había un depósito para os que morrían de accidente de tráfico, supoño que por iso sempre lle tiven moito medo á morte.

-A que se dedicaban os seus pais?

-Meu pai tiña unha xastrería e miña nai tamén cosía, ata traballou para Balenciaga. Eu empregueime alí dende moi nena, e aprendín moito da xente dos Ancares. Retiráronme da escola aos seis ou sete anos. Eu e mais meu irmán comezamos a facer clases na casa ata que aos meus 13 anos decidín que quería estudar. Empecei entón por libre e á vez que seguía cosendo. Fun sempre unha nena grande e cando acabei bacharelato marchei para Lugo, onde fixen Maxisterio.

-Onde comezou a dar clase?

-Fun de interina para Vilaver, en Cervantes, durante un ano. Despois aproveitei para as oposicións. Saqueinas e ao ano seguinte fun para Quintá de Cancelada, tamén nos Ancares. Aló estiven oito anos ata que volvín para preto da miña casa, en Armesto. Mentres tanto estudei Filosofía e Letras por libre, pero daquela seguía cosendo.

-Cando marchou de Lugo?

-A miña vida na miña terra foi a que contei, ata que no ano 1975 casei e marchei para Ferrol. Alí comecei unha nova vida e unha nova forma de ensinar.

-Como e por que marchou?

-Miña nai era moi xenerosa e culta. Chegou un día no que me preguntou sobre o que facía na aldea, díxome que pedira un traslado a unha cidade. Eu fun obediente con ela, e así o fixen. Aínda así, cando preparei a miña voda aínda non sabía o destino. Ao final quedei en Ferrol, ao ano seguinte fun a Santiago e aló quedei ata o 2001 no que me xubilei.

-Nos Ancares, onde estudaba?

-Tiñamos un faiado con ventás no que eu estudaba. Dende aló observaba co meu irmán a vida do barrio, que era un teatro. Tamén tiñamos libros alugados dos que aprendín moito.

-Como comezou a súa paixón polo mundo literario?

-Meu pai falaba moito de literatura, era un gran coñecedor. Eu recitaba cousas con el. Quería que fose xornalista e miña nai, secretaria. Por ela aprendín a escribir a máquina, para compracela. Como non tiña máquina, poñía o teclado pintado no cu dunha cadeira.

-E cando empezou a escribir?

-Na universidade máis que literatura estudei a súa historia. Pasoume en Lugo e tamén en Santiago. Daquela era lectura forzada da que saquei pouco. Cando comecei a ler por libre atrevinme coa poesía. Lía a Juan Ramón Jiménez. Por el comecei a escribir, aló por 1968. Foi en Vilar de Cancelada, nuns tempos nos que non había luz. Alumeábamos con carburo para dar unhas clases de noite aos rapaces que o necesitaban. Comecei a escribir nun caderno o que vivía nos meus días, pero sen maiores pretensións. Falaba tamén da paisaxe, que me influenciou moito. A terra é o que máis me gusta, prefíroa a un museo. Cando me din de conta tiña xuntos uns cantos poemas. Estaban en castelán porque aínda non tiña adquirido o galego como lingua de cultura, era só a lingua de comunicación.

-Ao principio, escribía en castelán.

-Cando publiquei aquel libro en La Voz de la Verdad fíxenme moitas preguntas. Por que non escribo como quero, como falo e como penso? Entón fun cambiando de idioma rapidamente. Fixen un curso que dera La Voz nunhas páxinas do xornal. Ademais, xuntarme con outro escritor galego favoreceu a decisión.

-Agora vive en Rianxo, pero de onde di que é?

-Os Ancares foron o pano de fondo da miña vida porque a miña habitación tiña unha fiestra cara a eles. Foron, son e serán algo moi importante para min.

«Chegáronme a dicir que era o meu home o que escribía os meus poemas»

-Atopouse con moitas pedras no camiño por ser muller?

-Tiven a sorte de nacer desexada muller, meu pai quería cativa polas consecuencias da represión franquista. El era un feminista sen sabelo e falábame de moitas mulleres. Ao seu lado foi fácil estudar porque mo permitiu. Fíxome autónoma e libre. Iso si, non tiña moitas mulleres ao lado ás que seguir nin coas que estar no plano intelectual.

-Que figuras a marcaron como muller?

-O meu home axudoume moito, a entender que eu tiña que facer cousas. A partir de aí fun rompendo barreiras, non sufrín moitísimo castigo, pero hai episodios que me pasaron moi desagradables que seguro a un home non lle pasarían. Non podo dicir que a vida das mulleres fose doada, pero eu planteille cara.

-Cal foi a situación machista máis evidente?

-Cando nos casamos, comezamos unha colaboración xuntos. Estivemos separados un ano e escribiámonos cartas. Delas saíu un libro. Iso escandalizou, e pensaban que el era un señor xeneroso que lle deixaba escribir á muller catro poemas, que el escribía outros 60 e que me deixaba firmar o libro. Chegáronmo a dicir, e a deixarme fóra moitas veces.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Helena Villar Janeiro: «Comecei a escribir nos Ancares, alumeando con carburo polas noites»