As voces femininas e harmónicas de Juan Durán

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O compositor Juan Durán
O compositor Juan Durán EDUARDO PÉREZ

O compositor estrea unha cantata que une as tradicións das culturas cristiá, musulmá e xudía

29 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na produción de Juan Durán (Vigo, 1960) a música vocal ocupa un lugar destacado. Proba disto son os dous proxectos que o compositor desenvolverá nos vindeiros días: un recital baseado na poesía feminina, este venres na sede da Academia Galega de Belas Artes na Coruña (20.00 horas), e a estrea da súa cantata Crisol, o vindeiro 12 de maio no Auditorio Nacional de Madrid.

Na primeiras das citas, a mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo interpretarán cancións que adaptan poemas de Alfonsa de la Torre, Alfonsina Storni, Gabriela Mistral, Julia Uceda, Marica Campo e Rosalía de Castro. Para Durán, é clave que sexa a voz dunha muller a que interprete esoutras voces poéticas. Son textos que, segundo declara o compositor, o buscaron a el e non ao revés: «Cando me atrapa un poema, pola súa musicalidade, polo seu ritmo ou pola cor das súas metáforas, sinto a necesidade de extraer a música que contén e trasladalo ao meu persoal mundo sonoro».

Pola súa banda, Crisol nace dun encargo da SGAE e a Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS). O seu subtítulo é elocuente en canto a ton e intencións: cantata para a harmonía das culturas cristiá, xudía e musulmá. «O seu atractivo reside niso precisamente», explica Durán: «En homoxeneizar nunha soa voz as tres culturas que conforman a historia relixiosa do noso país». «E iso lógrase mediante a presentación de tres momentos musicais ben definidos, para culminar na conxunción dos mesmos nun único bloque sonoro», engade. Neses bloques interveñen os versos introdutorios do Cántico das criaturas, de San Francisco de Asís; o Kadosh, un cántico de encomio tradicional hebreo, e mais do Talla ‘ao Badru’ Alayna, un poema islámico tradicional, considerado o primeiro cántico musulmán dedicado a Mahoma. Estas dúas últimas pezas son melodías preexistentes, para as que Durán escribiu os arranxos e orquestracións e que dialogan coa súa propia música, a escrita para a parte do Cántico das criaturas.

Estilisticamente, Crisol tamén marca cada unha destas partes. «Hai unhas claves de cada xénero que están na conciencia colectiva do que escoita e por tanto hai que tratar cada mundo sonoro conforme ás súas propias regras, a tonalidade firme da cultura cristiá fronte á modalidade do mundo xudeu, ou a presenza dun instrumento como o órgano e as súas connotacións relixiosas por oposición aos ritmos característicos da sonoridad das cancións musulmás», describe o seu autor.