O Concerto das Letras Galegas terá ritmo de hip hop

O Consello da Cultura Galega elixiu a Laura LaMontagne e PicoAmperio para amoldarse ao universo plástico ideado por Xela Arias


Vigo

O Consello da Cultura Galega celebrará o vindeiro 16 de maio no auditorio Mar de Vigo o seu tradicional Concerto das Letras Galegas. O Concello de Vigo colabora na realización deste proxecto que xuntará a experimentación musical de LauraLaMontagne e PicoAmperio coa poética de Xela Arias (1962-2003), figura á que se lle dedica nesta ocasión o Día das Letras Galegas. O concerto, que comezará ás 20.00 horas, será presencial, pero poderá seguirse en directo desde o web do CCG e da CRTVG, e no propio 17 de maio na segunda canle da TVG. As entradas do concerto serán de balde e pódense retirar desde hoxe a través da plataforma Teuticket.

O Concerto das Letras Galegas é unha aposta consolidada do CCG para celebrar dunha maneira festiva o Día das Letras Galegas, e este ano pretende ser tamén unha homenaxe ás vangardas e aos novos creadores. «Quixemos darlle o protagonismo aos máis novos, facendo que Xela Arias sexa coma unha ponte entre diferentes xeracións» asegurou a presidenta Rosario Álvarez na presentación desta cita. Canda ela, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o carácter transgresor da figura homenaxeada e conectouno co «momento de fervedoiro que viviu Vigo en diferentes eidos como o sindical, laboral, cultural e musical e que marcou unha época».

A undécima edición do Concerto das Letras Galegas afastarase de rexistros anteriores para amoldarse ao universo plástico ideado por Xela Arias. «Queríamos un concerto ao que pensamos que asistiría a propia Xela», asegurou a presidenta do CCG ao tempo que explicou que foi en Vigo onde «se fixo a poeta que todos celebramos, aquí se conformou a súa personalidade e a súa obra, e Vigo, en toda a súa extensión, está presente na súa obra».

Laura LaMontagne e PicoAmperio ofrecerán un concerto de ambiente hip hop, con DJ set no que haberá un gran protagonismo audiovisual a cargo do videocreador Borja Bernárdez, coa axuda do deseñador Raul Silva que executará as luces creadas especificamente para este concerto. O cartel do concerto é obra da deseñadora Uqui Permui. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O Concerto das Letras Galegas terá ritmo de hip hop