Carvalho Calero, a fe na Galicia futura

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

María Pilar García Negro defende en «Rectificar a historia» o compromiso de país de Carvalho Calero
María Pilar García Negro defende en «Rectificar a historia» o compromiso de país de Carvalho Calero TINO VIZ

García Negro reúne os seus escritos vindicando o seu labor político e a súa lectura

28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ricardo Carvalho Calero foi unha ponte, un cordón umbilical, que uniu a Xeración Nós co tempo presente. A súa vida abrangueu boa parte do século XX (1910-1990), lembra María Pilar García Negro (Lugo, 1953), e «a pesar da ruptura terríbel da Guerra Civil e do seu desenlace e do que el padeceu, mantívose nunha posesión de fe e nunha esperanza firme de que a historia podería mudar, cunha convición fortísima de que a Galiza merecía seguir existindo e ter futuro en por si, non como satélite de ninguén». Este labor, esta posición política é o que vindica a profesora da Universidade da Coruña no libro Rectificar a historia (Laiovento), que escolma os seus artigos sobre o escritor ferrolán que festexou o Día das Letras do 2020, efeméride que ela entende que, polas limitacións da pandemia, debería ter sido estendida ao 2021.

García Negro, pola súa banda, continuou a traballar sobre a súa figura e asegura que, nas súas conferencias telemáticas en centros educativos, percibe en mestres e alumnos un grande interese por amplialo coñecemento sobre a figura do autor da novela Scórpio. Tras as súas recentes publicacións -A ciencia ao servizo da nación (Laiovento); Escritor e profesor, galego cabal (La Voz de Galicia); e Orador. Discursos e leccións (Parlamento de Galicia)-, con Rectificar a historia quere rematar de evidenciar «o absurdo e prexudicial que é o deporte de silenciar ou menosprezar personalidades como Carvalho Calero que dentro da nosa historia sempre foron servidores dunha causa tan nobre como dar a valer historicamente o que fomos e o que somos, coas nosas virtudes e as nosas limitacións». «Dedicou a súa vida -incide- a conseguir que moitos máis galegos cobrásemos conciencia sobre nós mesmos, sobre a importancia de que o pobo galego, a sociedade galega, asumise a dirección dos seus destinos».

Esa conquista pasaba por lograr moita máis extensión no exercicio e cultivo da lingua galega, e dentro diso que a literatura ocupase o papel que historicamente representou. De aí a rotundidade da idea de «rectificar a historia» que a profesora levou ao título e que extrae dunha frase do propio Carvalho Calero, que aparece na (derradeira) conversa longa que el mantivo co profesor Francisco Salinas Portugal. El di, lembrando a sentenza clásica, «que cómpre esperar contra toda esperanza, que é preciso para Galiza rectificar a historia».

E é que, engade García Negro, era moi bo coñecedor da historia de Galicia, na que sabía que «a partir de determinado momento, dunha derrota militar e política, comezou un proceso de desnacionalización, de despersonalización, do que vimos a pesar de que teñan pasado tantos séculos». Ese proceso, anota, non empezou a ser contestado e revirado até o século XIX a través da recuperación da lingua como instrumento público, no campo posíbel, na literatura. Aquela xeración planta unha semente que despois vai medrar noutros campos. «Se a erradicación do galego, a súa desinstitucionalización, foi en orixe un proceso político de moi longo percorrido, secular pero continuado, ten toda a lóxica que cultural e política sexa a súa recuperación», sinala a profesora facéndose eco do pensamento do profesor.

«Conservando ese espírito do Seminario de Estudos Galegos e do nacionalismo de preguerra (o que se agrupou despois arredor do Partido Galeguista), Carvalho Calero consideraba a Galiza como un centro e como un destino, nunca como un eco, como unha sucursal. El advertía que a Galiza do seu tempo seguía a vivir esa crise, tamén a partir da promulgación da Constitución de 1978 e do Estatuto de autonomía. De feito, mantivo un admirábel sentido da oportunidade e da necesidade de divulgación a través dos artigos de prensa (moitos deles en La Voz de Galicia), nos que estivo moi atento a actualidade lingüística legal na nova institucionalización, e coa que era crítico». Carvalho Calero examinaba a fortuna do galego nese novo marco acompañando esta análise de algo fundamental -«do que hoxe se fala moito e que el practicou durante da súa vida»-: a memoria histórica. Porque foi «unha testemuña privilexiada» por ser discípulo e asemade colega de Castelao, Otero Pedrayo e Vicente Risco, os máis cualificados representantes da Xeración Nós. García Negro entende que esa crise persiste aínda hoxe, no século XXI, por iso cre vixente iso do que el falaba lapidariamente, a urxencia de rectificar a historia.

Pero non todo vai ser política. Ou si. Na segunda parte do volume, García Negro fai fincapé nas facetas de Carvalho Calero como poeta, narrador e dramaturgo, dedicación que, cre, ficou postergada. «Aínda prescindindo, se for posíbel, da súa obra científica e de divulgación, el merecería como escritor de creación ser máis que coñecido e celebrado. Por iso o meu libro trata de convidar á lectura da súa obra», conclúe a investigadora.