Víctor Freixanes: «O desafío prioritario é o futuro da lingua galega nas novas xeracións»

alberto mahía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Víctor Freixanes insistiu no compromiso «insubornable» da academia co idioma galego
Víctor Freixanes insistiu no compromiso «insubornable» da academia co idioma galego EDUARDO PEREZ

Cunha mensaxe de continuidade, foi reelixido no cargo sen votos en contra

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O que xa era sabido. O escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) foi elixido onte de maneira oficial presidente da Real Academia Galega (RAG) nuns plácidos comicios internos nos que a súa foi a única candidatura que se someteu á votación do plenario. Os seus obxectivos: Traballar nun proxecto de continuidade centrado no labor científico da RAG, así como da súa proxección social, pensando, sobre todo, na promoción da presenza do galego entre a mocidade.

-Desde o punto de vista persoal, que valoración fai de que fose o único candidato.

-Primeiro, agradecer a confianza dos meus compañeiros. Quero pensar que nestes anos entregueime á academia, unha institución máis que centenaria, cun equipo directivo marabilloso que pretende continuar co traballo feito ata o de agora e fortalecer os nosos obxectivos.

-Que foi o que lle animou a presentarse de novo?

-Os que me coñecen saben que non son unha persoa que se pon de perfil. Cando te implicas, implícaste, e a xente foi receptiva. E se houbo algúns críticos, non votaron en contra, senón que se abstiveron.

-Como foi a RAG que se atopou no 2017 e como é a de agora?

-Recollín unha situación moito máis tranquila que a de outrora e, afortunadamente, atopei apoio e comprensión. Pero xa no 2017 falei de continuidade nun clima tenso, de desencontros. E superamos unha complicada situación. Grazas a iso púidose avanzar moito a pesar dos poucos recursos. A xenerosidade dos académicos, que non percibimos nin un céntimo, entregados á responsabilidade de algo tan inmenso como fortalecer a Real Academia Galega, énchenos de orgullo. Vale a pena o esforzo.

-Cales son os principais obxectivos desta xunta directiva?

-Traballaremos en dúas dimensións, a científica e a proxección social e as estratexias de comunicación. Hai que lembrar que as cousas que non aparecen nos medios non existen. Por tanto, o desafío prioritario é o futuro da lingua nas novas xeracións. A mocidade é o noso horizonte.

-Se un acode á saída dun colexio nunha gran cidade observa que os nenos apenas falan galego. Pero se un colle o coche e se afasta da urbe uns quilómetros xa empeza a escoitar o noso idioma. É consciente a RAG diso?

-Por suposto que somos conscientes. A batalla urbana xa se está librando. Como a da modernidade. Hai que conquistar eses espazos da mocidade ou da nenez. Por iso traballamos no estímulo dos novos creadores, de voces novas para a lingua, que non son só o uso de sintagmas ou ortografía, senón do discurso social. A Academia non é a responsable, pero temos a responsabilidade de ter un espírito crítico para empuxar aos que si poden, como gobernos, deputacións ou concellos a que poñan todo o seu empeño no uso da nosa lingua.

-Entre os adultos tamén hai moitos que utilizan o galego en determinados foros e non así na súa contorna próxima...

-Sempre o dixen. O máis preocupante de todo é que o galego acabe nunha lingua litúrxica. Que termine como un floreiro nunha mesa. Ao principio todos din que é moi bonito, pero conforme pasa o tempo xa empeza a molestar e algúns piden que se aparte do medio, que molesta. Por tanto, hai que instaurar a nosa lingua na modernidade e normalidade. É dicir, debemos fuxir dunha lingua só para determinadas cerimonias, determinados usos, para quedar ben nun determinado momento. Iso, a sociedade percíbeo. Dáse de conta de que hai moita impostura nalgunhas voces, unha falsificación da lingua.

-Como é posible que despois de tantos anos de traballo, se fale menos galego que nos cincuenta?

-Débese á desaparición das xeracións dos maiores no rural, que é a despensa histórica do idioma. Aínda que con respecto a hai 50 anos perdéronse falantes en número, agora xorden falantes conscientes e cualitativos capaces de moverse no plurilingüismo. Hai que fortalecer a identidade do noso.

-Que supuxo a pandemia na defensa e promoción do idioma?

-O covid puxo todo patas para arriba. Foi un freo. Pero soubemos superalo na medida das nosas posibilidades. O dicionario, por exemplo, obtivo tres millóns e medio de visitas.

Tres mulleres á fronte do equipo directivo por primeira vez na historia do ente

Víctor Freixanes, o reelixido presidente da Real Academia Galega da Lingua, referiuse en varias ocasións a palabra continuidade para definir o que será o seu novo mandato. Pero non é do todo certo, porque por primeira vez na historia da centenaria institución haberá tres mulleres ao fronte da dirección, co cal será unha directiva maioritariamente feminina. En todo caso si reafirma o seu compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG.

Desde xeito, a catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. En total, na dirección serán tres mulleres e dous homes.

O presidente da institución agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos no posto de vicesecretario.

Entre os seus obxectivos, a RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego e tendendo pontes con outras linguas e culturas próximas, moi principalmente coa área lusobrasileira; e no fortalecemento das relacións con outras academias e institucións análogas na procura de obxectivos comúns.

Na súa intervención, Freixanes insistiu no compromiso «insubornable» da Real Academia Galega «coa cultura e co idioma do país».