Unha Ourense mítica na memoria de Arturo «Ruco» Lezcano

Javier González Sobrado
javier g. sobrado OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Camilo Franco, Celia Pereira, Viruca González e Xosé Manuel Pacho puxeron a palabra
Camilo Franco, Celia Pereira, Viruca González e Xosé Manuel Pacho puxeron a palabra Miguel Villar

O Liceo acolleu este sábado a presentación da súa novela póstuma

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Amigos, compañeiros, discípulos e familiares aproveitaron este sábado a presentación de Memoria, a novela póstuma de Arturo Lezcano, para transformar a xornada nunha sentida homenaxe en dous actos ao finado escritor, que se desempeñou durante a meirande parte da súa traxectoria como xornalista, en La Voz de Galicia.

O día comezou no Liceo de Ourense, nun evento que serviu para poñer en sociedade o texto, definido por Camilo Franco como unha sorte de biografía que vive «a medio camiño entre o Boletín Oficial da Provincia e un espellismo da cidade» e por Xosé Manuel Pacho coma un artefacto literario que empeza xusto onde remata O Porco de Pé, de Vicente Risco. «Entender a novela de Ruco é entender Ourense», explicou Pacho.

Amais de Franco -quen fora de sentimentalismos comentou o xogo que Lezcano facía entre o seu apelido e o do ditador- e Pacho, ambolos dous editores da novela e amigos, discípulos e «fillos literarios» de Ruco, participaron da presentación Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco -responsábel da publicación- e Viruca González Estévez, viúva de Arturo Lezcano e, como ela mesma rememorou, «compañeira, confidente e amante».

Celia Pereira Porto valorou o «por fin ter a oportunidade de render a lembranza que Ruco merecía». Pola súa parte, Viruca González Estévez falou no seu nome, e máis no do seu finado marido, da estreita relación que ambos tiñan coa que é, sen dúbida, a protagonista da novela. «Din que a infancia é a verdadeira patria do home. Eu non sei se Ourense foi a nosa patria, pero podo dicir que a levábamos no corazón», expresou coa voz quebrada.

O segundo acto deu comezo ás seis da tarde, na sé da Fundación Vicente Risco -da que Lezcano foi «alma máter»- na vila de Allariz. Alí, entre palabras, música e a dedicación da sala de xuntas da entidade como Sala Arturo Lezcano, amigos, compañeiros, discípulos e familiares dixeron un segundo adeus ao escritor e xornalista, quen para moitos deles sempre será Ruco.