Os Resentidos, tras 28 anos de espera, lanzan disco dedicado aos que fan rock en galego

«Organización Nautilus» recolle unha ducia de temas da banda viguesa


santiago / la voz

Os Resentidos porán este xoves punto e final a 28 anos de espera -sen sacar álbum con novos temas- co lanzamento de Organización Nautilus, que reúne unha ducia de cancións, a maior parte delas compostas durante a pandemia. Un traballo que ten unha clara dedicatoria: aos que fan rock en galego. «Nós somos rabiosamente militantes do rock en galego», afirmou Antón Reixa, líder da banda, para relatar que, cando empezaron, «alá polo ano 82, 83, eramos nós sós, pero agora hai moitísima xente que fai mellor e máis música en galego, pero se cadra non ten a repercusión mediática nosa».

Pero, que leva á banda viguesa que está a punto de cumprir catro décadas a volver lanzar disco? «Ter as cancións novas. Empezamos a tocar de xeito ocasional e, nese ambiente de banda e ensaios, xuntamos doce temas novos e decidimos gravalos. Cando no ano 94 saímos da escena foi pola honestidade de que non tiñamos nada novo que dicir, agora pensamos que si e facemos o disco», explicou este mércores Antón Reixa durante a presentación do traballo, que verá a luz este venres 23 de abril nas plataformas dixitais e tamén en formatos físicos, incluíndo un vinilo para coleccionistas así como un cedé, neste último caso, co apoio da Consellería de Cultura.

Precisamente, o titular deste departamento da Xunta, Román Rodríguez, salientou a «decisión valente» de Reixa e o resto da banda por «despois de moito tempo decidir volver a compoñer, a producir, a tocar e a demostrar que o seguen sabendo facer moi ben». Ademais, apuntou que sen bandas como Os Resentidos ou Golpes Bajos, entre outras, non se podería entender a música galega dos últimos anos. Tamén incidiu en que a movida viguesa, neses inicios dos anos 80, foi o reflexo da modernización que vivía Galicia.

Concerto o 22 de maio en Vigo

Este novo traballo de Os Resentidos toma o título dunha das cancións, que ten como protagonista ao capitán Nemo, o Nautilus e o seu paso pola ría de Vigo. «O Nautilus na ría de Vigo, o capitán Nemo na ponte de Rande», recolle o retrouso. Pero tamén hai temas que teñen clara referencia á pandemia, como pode ser Outro día máis sen ir ao mar, e tamén a cuestións da actualidade.

A presentación en directo do disco está prevista para o día 22 de maio no Auditorio do Mar de Vigo, coa banda ao completo: Antón Reixa, Xoaquín Seoane, Gabriel Vázquez, Pablo Vidal, Anxo Graña, Xabier Fernández e Rubén Losada.

Ademais, Os Resentidos, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, tamén ten prevista unha minixira de cinco ou seis concertos nos que xunto a eles participarán outros grupos de rock en galego. A iniciativa completarase cunha serie de relatorios nos que verbalizarán o seu firme «apoio para facer rock en galego».

Organización Nautilus non só está dedicado ao «talento rabudo da grande familia que facemos e escoitamos rock en galego», senón que tamén trata de darlle visibilidade «ao talento oculto dos considerados discapacitados». Nese senso, as ilustracións do disco foron feitas por Antón Romero, un rapaz de 14 anos con trastorno do espectro autista (TEA). Ademais, os seus debuxos aparecen nos videoclips dalgúns dos temas como Nautilus. «Con Antón queremos axudar a normalizar aos que se dá en chamar discapacitados, que non o son tanto», afirmou Reixa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Os Resentidos, tras 28 anos de espera, lanzan disco dedicado aos que fan rock en galego