O certame Lingua de Namorar premia as mellores mensaxes de amor en galego

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, na organización do concurso
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, na organización do concurso

21 abr 2021 . Actualizado a las 22:33 h.

Lingua de Namorar chegou este ano á súa décima edición e premiou de novo ás mellores declaracións de amor en galego na Rede. Trátase dunha iniciativa promovida polas consellerías de Cultura e de Política Social e dirixida á mocidade, e que desta vez ampliou as súas categorías habituais cun novo apartado centrado en Instagram.

Na categoría A, de 14 a 19 anos, resultaron gañadores os textos Penso en ti (María Rey Villar, A Coruña), Sol e Lúa (Lucas Paz González, A Coruña) e Marfil do meu corazón (Diego Santos Santos, Ribeira); mentres que na categoría B, de 20 a 35 anos, foron elixidos polo xurado Rea(r)mar (Lara Álvarez Álvarez, Redondela), O fío da vida (Leticia Cid Cid, San Cibrao das Viñas) e KÓX3G?S (Andrea López Otero, Pantón). No que respecta á nova categoría de Instagram, o sistema de votación consistiu nos «gústame» que outorgaron os internautas, dos que 765 apoiaron como vencedor o texto Saudando a vida, de José María Trigo González, de Cambados, de entre as seis mensaxes participantes elixidas polo xurado.

Os gañadores nas dúas primeiras categorías recibirán unha bicicleta eléctrica, no caso dos primeiros premios; unha tableta para os segundos e unha cámara deportiva para os gañadores do terceiro premio. O acto de entrega dos galardóns desenvolverase en Santiago o vindeiro mes de maio.

Lectura das mensaxes

As mensaxes gañadoras, xunto coas outras 267 participantes, poden lerse na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no apartado http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar. As votacións implicaron a case 2.500 internautas, mentres que máis de 2.300 valoraron a nova categoría de Instagram.