Os nenos das Nogais téñeno claro: «Non se di 'palomitas', dise flocos»

Os alumnos do colexio elaboran un vídeo cos erros comúns ao falar galego


as nogais / la voz

Os sete alumnos de cuarto, quinto e sexto de Primaria que comparten aula no CEIP das Nogais comen flocos un día á semana no recreo. Unha pequena concesión da súa titora Mari Carmen Fernández, porque grazas aos artigos de La Voz de la Escuela que len todos os mércores na clase aprenderon a importancia de manter unha dieta equilibrada.

Precisamente a palabra floco foi o arranque dunha proposta que sacaron en común profesora e alumnos. Os cativos forman parte do programa da Xunta E-Dixgal, co que cada un ten un portátil na clase e na casa como ferramenta educativa coa que se conectan coa docente a través dos libros e da aula virtual. «Un día púxenlles un vídeo do programa Dígocho Eu, da TVG, e animeinos a que o viran a miúdo, para explicarlles que todos os galegos falantes cometemos erros», explica Mari Carmen.

Foi entón, como de xeito natural, saíu a proposta de elaborar un vídeo coas palabras máis comúns da súa contorna e que se empregan mal cando falan en galego. Logo de dous meses de ensaios e de que cada un dos rapaces fixera a súa propia presentación para a web, gravaron diferentes pezas nas que explicaban a forma correcta de dicir algunhas palabras do seu uso diario, entre elas flocos en vez de «palomitas», ou como din eles co «apuntamento lusófono, ‘pipotas' en Portugal».

O vídeo —de algo máis de catro minutos e que se pode ver en YouTube (https://www.youtube.com/watch?v=jtpEFDt8gfU&t=47s) —supuxo para os cativos un reto lingüístico, dixital e de expresión cultural, «destrezas coas que estes sete nenos aprenderon para mellorar a súa expresión, porque os cativos de núcleos rurais teñen máis dificultades para a socialización e se aínda por riba hai unha pandemia, pois están máis apartados».

Matrícula que mingua

No CEIP das Nogais hai 22 alumnos entre Infantil (nove) e Primaria (seis no primeiro ciclo e os sete do segundo) e as perspectivas para o vindeiro curso non son boas, coa marcha de dous nenos de sexto. «Pero esta burbulla que vivimos no cole axudou a que o curso fose estupendo e a que podamos desenvolver programas educativos nos que os nenos participen de xeito activo», en referencia a que traballan na clase co libro dixital, aprenden con La Voz de la Escuela ou elaboran vídeos sobre os erros máis comúns do galego.

O particular Dígocho Eu que gravaron xa chegou aos oídos da presentadora do programa, Esther Estévez, así como do xornalista e presentador Arturo Fernández, que de cativo estudou no colexio das Nogais e que lles mandou un vídeo de agradecemento con todo os seu equipo da TVG. «Para os nenos foi unha ilusión recibilo, e máis sendo alguén que se sentou nun pupitre coma o deles», explica a profesora.

Precisamente a vea xornalística a desenvolven os mércores na primeira hora de clase. Cada un escolle unha noticia de La Voz de Galicia e a comentan para analizar o seu contido e ver que conclusións poden aprender. Polo seu contacto coa natureza, os nenos escollen noticias relacionadas co medio ambiente, cos animais ou co agro. Por iso tamén, xa soñan con ser veterinarias e gandeiras, pero tamén din que queren ser xornalistas, deseñadoras ou pediatras.

De momento, Yamira Fernández, Lucía Gómez, Candela García, Carlos Rodríguez, Lucía Alba, Lucía Freijo e Naiara Veiga son famosas no seu colexio e nas Nogais grazas ao vídeo, pero tamén aprenderon algo: dise vacina, xiringa, corentena, almofada, lámpada, saba, coxín, raposo, dedas dos pés, en hora boa ou parabéns, lapis, estoxo, caderno, tesoira, lentes, novo ou mozo, grazas, xornalismo e xornalista e por suposto, flocos de millo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Os nenos das Nogais téñeno claro: «Non se di 'palomitas', dise flocos»