«Néboa» aspira este sábado ao premio á mellor serie na gala máis «noir» dos Mestre Mateo

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Nancho Novo e Emma Suárez, nunha escena da serie «Néboa»
Nancho Novo e Emma Suárez, nunha escena da serie «Néboa»

A Academia Galega do Audiovisual, pese ás restricións polo covid, non renuncia á alfombra vermella e a unha certa presencialidade

10 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son os primeiros Mestre Mateo da pandemia. A gran cita do sector audiovisual galego salvouse pola campá na entrega do ano pasado -a noite na que trunfaron o filme O que arde e a serie Hierro-, cando unha soa semana a separou da declaración do estado de alarma polo covid-19, xa que se celebrou o 7 de marzo. Así, esta edición da gala, a número 19, será diúrna e telemática, non haberá xornalistas -só un número limitado de reporteiros gráficos-. A presenza de público estará moi minguada -acudirán os finalistas e os representantes das institucións e entidades patrocinadoras e colaboradoras- e a festa posterior quedou cancelada. O encontro comeza este sábado ás seis, no teatro Colón, na Coruña, e será retransmitida en directo pola TVG.

Aínda que se parte da premisa «o glamur na casa», a Academia Galega do Audiovisual aposta por unha velada cunha certa carga presencial, co que pretende reivindicar a seguridade das actividades culturais, aplicando estritamente as directrices establecidas polas autoridades sanitarias: recorte drástico do aforo conforme á normativa vixente, escaleta de acceso ao recinto para evitar aglomeracións, uso de máscaras e xel hidroalcólico, separación entre butacas e realización de probas PCR ás persoas integrantes do equipo técnico e artístico. Neste mesmo sentido, e como novidade, a Academia emitirá en directo, polas súas redes sociais -YouTube e Facebook Live-, e a partir das 17 horas, un programa especial desde a alfombra vermella -O recibidor dos Mestre, presentado por Marta Doviro-, que a organización garantiza que respectará os protocolos de saúde pública. Este espazo será a antesala do espectáculo e por el desfilarán os finalistas, así como o resto de convidados, algúns dos cales serán entrevistados brevemente.

Xa no show -dirixido por Tito Asorey e presentado pola actriz Lucía Veiga-, o grupo De Vacas -integrado por Faia Díaz, Guillermo Fernández, Inés Salvado e Paula Romero- será o encargado de poñerlle música en directo á gala. Nela, o veterano actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibirá o premio de honra Fernando Rey, en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa relevante achega á cultura do país. Referente no compromiso co teatro e a creación dramática, foron dous personaxes audiovisuais os que lle conferiron unha inmensa popularidade entre o público galego: o pescador Melgacho, na serie Mareas vivas, e o capo de narcotraficantes Vicente Otero, Terito, en Fariña.