Os Premios da Cultura Galega, entre a homenaxe e a reivindicación do sector

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A escritora Ledicia Costas recibe o seu premio de mans do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices
A escritora Ledicia Costas recibe o seu premio de mans do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices XOÁN A. SOLER

Feijoo recoñece aos creadores a «resistencia nestes tempos tan amargos»

09 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Somos a cultura. Dádenos un punto de apoio e moveremos a Terra». As palabras son da poeta Yolanda Castaño e reflicten un sentir moi patente na gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2020 celebrada este xoves no Gaiás, onde o recoñecemento ao traballo feito polos oito galardoados se deu a man coa reivindicación de apoio para o sector, non só nas caras máis visibles, senón tamén para todos os que conforman o seu tecido. Uns profesionais e creadores aos que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, enxalzou «pola resistencia nestes tempos tan amargos».

A escritora Ledicia Costas (no ámbito das letras), a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia-Fegatea (artes escénicas), aCentral Folque (música), o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado (audiovisual), o fotógrafo Xurxo Lobato (artes plásticas), o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González (lingua), a Fundación Penzol (patrimonio cultural) e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildikó Szijj (proxección exterior) -que non puido estar presente-, recibiron unha obra elaborada pola escultora Soledad Penalta na que buscou reflectir todas as manifestacións culturais que están por vir.

Os galardoados puxeron sobre a mesa distintas demandas. A escritora Ledicia Costas defendeu que «a literatura infantil e xuvenil non crea lectorado para o futuro, senón que son lectores de hoxe e teñen todo o dereito a unha literatura de calidade». Tamén Chema Prado reivindicou apoio para o sector audiovisual, reclamando ao presidente da Xunta que «coide e potencie a súa filmoteca, a do CGAI. Non estou seguro se lle dará votos, pero terá contribuído ao legado cultural que teñen dereito a recibir os que nos sucedan». Pola súa banda, o director artístico de aCentral Folque, Ramón Pinheiro, aludiu ao momento difícil que están pasando non só os artistas, senón as escolas de música, salas de concertos, técnicos... «Queremos saír da precariedade e poder vivir dignamente da música no noso país. Hai talento», afirmou.