O festival Resis programa a estrea absoluta de dezasete obras de música contemporánea

O certame busca na súa cuarta edición, coa incorporación ao proxecto da Orquestra Sinfónica, erixirse nun referente no panorama internacional da música e a creación actuais

Vertixe Sonora é unha das formacións que concita a cuarta edición do festival Resis
Vertixe Sonora é unha das formacións que concita a cuarta edición do festival Resis

Redacción / La Voz

O festival Resis da Coruña busca na súa cuarta edición dar un salto cualitativo na súa dimensión coa incorporación ao proxecto da OSG (Orquestra Sinfónica de Galicia) e o obxectivo de erixirse nun referente no panorama internacional da música e a creación contemporáneas. O certame -que se celebrará entre o 22 de abril e o 6 de xuño- programa a estrea absoluta de dezasete composicións; outras tantas obras soarán por primeira vez en Galicia. Co apoio do Concello e a Deputación da Coruña, a organización levará os concertos a distintos emprazamentos espallando o seu eco sonoro por escenarios moi diversos da cidade como a Fundación Luis Seoane, a igrexa das Capuchinas, a casa museo Casares Quiroga, a sala de exposicións Palexco, a Domus, o museo nacional Muncyt, o Aquarium Finisterrae, o pazo municipal e o teatro Colón. As entradas son de balde pero deberán retirarse fisicamente -a partir do 16 de abril- en cada un dos lugares que acollen os recitais.

Promovido pola asociación cultural Aïs -centrada no «diálogo entre música e artes vivas contemporáneas»-, o festival está dirixido polo compositor Hugo Gómez-Chao (A Coruña, 1995), que este mércores presentou a programación xunto co xerente da OSG, Andrés Lacasa, para facer fincapé no proxecto conxunto 20/21, que ampara sete dos concertos previstos no Resis e que impulsa o encargo e a estrea de obras de músicos galegos recoñecidos a nivel internacional. A propia orquestra, nun formato reducido -OSG Sinfonietta, dirixida por José Trigueros-, interpretará as seis pezas, da autoría de Carme Rodríguez, Sofía Oriana, Federico Mosquera, Paz Pita, Xavier de Paz e Jacques Ibert. Será o día 6 de xuño no teatro Colón e pechará o certame.

Á marxe do ciclo 20/21, no que concorrerán outros conxuntos que se nutren de músicos da OSG -como Grupo Instrumental Siglo XX, Camerata OSG, Orphelion Ensemble, Quinteto de Cuerda Schubert, Zoar Ensemble e Grupo Untía-, o festival contará con formacións e autores de relevancia como Verónica Vicente, Miriam Pato, Roberto Oliveira, Pulso Ensemble, Grupo Ixor, Elisa Vázquez Doval, Cuarteto Matrice e Vertixe Sonora.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O festival Resis programa a estrea absoluta de dezasete obras de música contemporánea