Xosé Manoel Núñez Seixas, autor de «Guaridas del lobo»: «Os debates sobre Meirás non son privativos de España»

O historiador fai un percorrido polo legado incómodo dos ditadores en Europa

O profesor Núñez Seixas, na sede da Fundación Luis Seoane
O profesor Núñez Seixas, na sede da Fundación Luis Seoane

a coruña / la voz

O debate sobre Meirás, recoñece Xosé Manoel Núñez Seixas (Ourense, 1966), foi o detonante. O Premio Nacional de Ensaio 2019 é unha das voces expertas que asesora ao Goberno na definición dos usos que terá o espazo construído por Emilia Pardo Bazán e ocupado polos Franco durante case 80 anos. Cando esta cuestión está aínda por resolver e aproveitando a súa visita á Fundación Luis Seoane pola reedición de Fardel de eisilado, falamos co catedrático de Historia Contemporánea da USC, que tamén foi docente en Múnic, sobre Guaridas del lobo (Editorial Crítica), o libro onde fai un estudo comparativo da xestión do velenoso legado físico que deixaron os ditadores en Europa.

-Meirás non é a excepción?

-O libro quere amosar que os debates sobre Meirás e o Val dos Caídos non son privativos de España. Foi a partir da experiencia nas Torres cando comecei a ollar que se fixera cos lugares de memoria vencellados á biografía dun ditador. Casas, tumbas ou palacios son unha herdanza material incómoda. Foi sorprendente saber que seguen a ser feridas abertas mesmo nalgúns países considerados exemplares na xestión pública da memoria.

-Fala de Alemaña?

-Segue a ser un patrón positivo na xestión crítica do pasado ditatorial, pero sempre nos comparamos coa Alemaña de hoxe. Se facemos a comparativa entre a España dos 80 coa Alemaña dos 60 vemos como, 20 anos despois da morte de Hitler, practicou unha política de silencio incómodo. A primeira xustiza transicional, Núremberg e outros procesos, veu dos ocupantes, non dos alemáns. Lugares como o búnker da Chancelería ou o Niño da Aguia estiveron abandonados durante decenios e eles tiveron unha vantaxe: non había un corpo que puidera ser reverenciado. Os soviéticos encargáronse de facelo desaparecer. Despois, pasaron á externalización da culpa. En Austria decidiron hai uns meses que destino dar á casa onde naceu Hitler: será unha comisaría de policía porque así evitarán as concentracións dos nostálxicos. En Portugal, que se considera modélica, non decidiron que facer coa casa de Salazar e, en Italia, Predappio foi unha especie de meca de peregrinación onde persisten edificios fascistas que non se sabe que facer con eles nin coa casa natal de Mussolini. Un museo sobre o fascismo? Non é o mesmo aí que en Roma. Hai o risco de propiciar o turismo negro, de humanizalo.

-Por iso hai poucos papeis de Franco no cine?

-E de Hitler, case ata que se estreou O afundimento no 2005, e interpretado por un actor suízo, Bruno Ganz.

-Agás Suecia, o Reino Unido, Irlanda e Suíza, ningún país se librou dunha ditadura?

-Dinamarca foi ocupada polo Terceiro Reich, pero sen un líder colaboracionista destacado. O resto coñeceu réximes fascistas, parafascistas ou comunistas autoritarios, non foron todos totalitarios. Hoxe en día, fóra de Europa, hai máis ditaduras que democracias no mundo. No libro tamén trato o contrapunto, coma o do mariscal Mannerheim de Finlandia, ou casos menos coñecidos: Hungría ou Albania, onde a pirámide erixida para o ditador Hoxha foi desde discoteca a canle de televisión.

-Que vía escollería?

-Os consensos totais non existen aquí. A de Meirás será unha proposta de síntese. Foi a residencia de verán e o símbolo do poder da ditadura, pero ten unha historia antes e despois de Franco. A nosa preocupación é que sexa un lugar vivo. Non hai un manual de instrucións sobre a política da memoria. Hai patróns, Alemaña quixo exportar o seu modelo, pero lembro unha reflexión da intelectual alemá Aleida Assmann: «Primeiro fomos exemplo de como matar e, 50 anos despois, imos ser exemplo de como lembrar criticamente ese pasado». Ben dicir que deixemos que cada país atope o seu camiño.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Xosé Manoel Núñez Seixas, autor de «Guaridas del lobo»: «Os debates sobre Meirás non son privativos de España»