A Real Academia Galega conta con ter novo presidente antes do Día das Letras

Aínda non se oficializaron candidaturas na entidade para o cargo

Pleno extraordinario da Academia celebrado o 17 de maio do 2019 na honra de Antonio Fraguas
Pleno extraordinario da Academia celebrado o 17 de maio do 2019 na honra de Antonio Fraguas

Redacción / La Voz

O 17 de maio é un día sinalado no calendario para a Real Academia Galega, xa que celebra o pleno especial dedicado á figura que elixiu como protagonista do Día das Letras. Coa data xa no horizonte próximo, neste 2021 engádese outro feito relevante, xa que na entidade se espera que para entón xa estea resolto o proceso electoral para designar o seu presidente. Aínda que dispón dun prazo máximo dende que se deu por concluído o mandato anterior —no pleno do pasado 26 de marzo—, na Academia contan con que poidan celebrar o Día das Letras cunha nova executiva.

O presidente en funcións, Henrique Monteagudo, confirmou este luns que aínda non se oficializou ningunha candidatura. Víctor F. Freixanes, o presidente saínte, declarou hai uns días a este xornal que «contempla» presentarse á reelección pero que non tomara aínda a decisión definitiva, á espera de conversas cos demais académicos para conformar un equipo. En todo caso, fontes próximas ao proceso electoral dan por seguro que materializará a súa candidatura proximamente co obxectivo de darlle continuidade a algúns dos proxectos iniciados nestes últimos catro anos. Unha vez presentada unha candidatura, que debe ser avalada por tres sinaturas doutros tres membros de número da Academia, o pleno no que se elixirá a nova executiva debe convocarse con polo menos oito días de antelación. Un tempo no que aínda é posible, ata 48 horas antes, presentar máis candidaturas. Chegado o pleno, o candidato a presidente, ou candidatos, se os hai, deberá presentar o equipo que o ha acompañar nos seguintes catro anos. Xa que logo, o pleno elixe presidente e executiva.

Un proceso «tranquilo»

Nos círculos académicos hai a impresión de que o proceso electoral en curso será «tranquilo», no sentido de que colle forza a idea de que non haberá candidaturas rivais. Nos últimos anos as eleccións fixeron agromar as tensións existentes na institución, pero que agora un bo número de académicos parecen querer deixar atrás. Ademais, no último pleno declarouse unha vacante, a producida polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Segundo os estatutos, o prazo para presentar persoas para esa cadeira remata 24 horas antes do seguinte pleno, polo que no próximo tamén deberían coñecerse esas candidaturas.

Académicos e familiares de Arias, xunto con autores da serie, presentaron o proxecto
Académicos e familiares de Arias, xunto con autores da serie, presentaron o proxecto

Unha serie audiovisual para achegarse á vida e á traxectoria literaria de Xela Arias

A serie documental Xela Arias. A palabra esgazada forma parte da aposta audiovisual da Real Academia Galega para difundir a obra e a figura da autora á que se homenaxea este ano co Día das Letras. A proposta son seis capítulos de dez minutos de duración e que se estrearán cada martes na páxina web da entidade, ata chegar á semana previa á celebración do 17 de maio. A RAG presentou este luns a iniciativa e difundiu xa o primeiro episodio, centrado nos primeiros anos de vida de Arias, transcorridos entre a súa Sarria natal, Lugo e Vigo, onde se instalaría a partir dos sete anos. As vindeiras entregas achegaranse á súa traxectoria como poeta, tradutora e editora, ademais de reconstruír os ambientes nos que se desenvolveu e que influíron na súa ollada como autora.

O presidente en funcións da Academia, Henrique Monteagudo, subliñou a importancia da linguaxe audiovisual non só para conectar coa obra de Xela Arias, senón para facelo coas novas xeracións actuais, clave tamén na transmisión do galego. «O audiovisual é un medio especialmente propicio para comunicar a vitalidade e a forza que Xela Arias despregou, na literatura e na vida, e tamén para chegar ás xeracións máis novas, ás que a figura e a obra da autora interpelan dunha maneira máis potente e directa», explicou. Unha idea que confirmou a tamén académica Marilar Aleixandre, xa que no acto de presentación fixo referencia a que malia o 2021 ser un ano complicado por mor da pandemia, había unha «efervescencia nas redes sociais» arredor da figura de Xela Arias. Igualmente, citou outras iniciativas, como as de tipo musical, e o bo ritmo de publicacións que se van publicando estes días arredor da escritora, libros que non só son biografías, senón que encetan un «diálogo coa súa voz poética», que considera axeitada para atraer ás novas xeracións.

Esta idea foi abordada tamén por María Yáñez, guionista de Xela Arias. A palabra esgazada, unha produción de Miramemira, co apoio económico da Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Ciencia, así como a TVG, que cedeu material de arquivo sobre Arias e que emitirá os episodios da serie. «Tanto a vida como a literatura de Xela Arias son rompedoras, esgazan os clixés establecidos», declarou. Ese afastarse das convencións enténdese «polas decisións que tomou na súa vida e por como a lembran os seus achegados, cunhas ganas de vivir a vida intensamente e un inconformismo co mundo e co sistema que a rodea».

Proxectos

Na presentación tamén estivo presente a familia de Xela Arias, representada polo seu fillo, Darío Gil, e mais a nai, Amparo Castaño, e o irmán, Lois Arias. Darío Gil agradeceu as iniciativas promovidas tanto pola RAG como por editoras, colectivos e entidades: «Están conseguindo que un ano tan complicado coma este non desluza, senón que, polo contrario, sexa un ano moi traballado e con moitos proxectos».

A propia familia tamén participa na serie documental, xunto con persoas que trataron de preto a Xela Arias, dende a súa exparella, Xulio Gil, a autores coetáneos como a poeta Ana Romaní e o músico Fernando Abreu. Profesionais da edición como Manuel Bragado, Celia Torres e Xulián Maure, entre outros, e da tradución, como Xavier Senín e Tamara Andrés, son outras voces presentes na produción.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A Real Academia Galega conta con ter novo presidente antes do Día das Letras