O Día das Artes enxalza o «talento excepcional» de Domingo de Andrade

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

Un acto na catedral de Santiago lembrou ao precursor do barroco galego

02 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura do arquitecto Domingo de Andrade (Cee, 1639-Santiago, 1712) está máis presente dende onte na catedral de Santiago, o lugar onde agromou a obra deste precursor do barroco galego para despois expandirse tamén por toda a cidade e por Galicia. A Real Academia Galega de Belas Artes conmemorou o Día das Artes Galegas cunha ofrenda floral e a colocación dunha placa no lugar no que repousan os restos do autor da Torre do Reloxo da basílica compostelá, da Casa da Parra ou da escaleira helicoidal de Bonaval, entre outras. Ata o de agora, na súa sepultura na capela da Concepción non había ningunha inscrición. Coa nova placa «quedará unha testemuña da súa grandeza ao pé do seu sepulcro», destacou o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.

O acto institucional serviu para enxalzar a figura e a obra do arquitecto homenaxeado con motivo do Día das Artes do 2020, pero que, debido á pandemia, tamén se prorrogou ao 2021. «Fue una persona de un talento excepcional con abundante obra esparcida por toda Galicia y el impulsor de la arquitectura nueva de entonces, que animó a la construcción de un barroco propio», incidiu o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Ademais, lembrou as verbas escritas por Javier Alonso de la Peña -arquitecto do Plan Director da Catedral de Santiago- sobre De Andrade, destacando «la potencia expresiva que desprenden sus concepciones estructurales, atrevidas y novedosas, donde tensiona los distintos elementos para acercarlos al límite de su capacidad».

Pola súa banda, Quintana Martelo, subliñou que «o arquitecto do barroco galego incorpora a construción da cidade como a gran protagonista da súa arquitectura, como se aprecia nun percorrido detido pola praza da Quintana para ver a Torre do Reloxo, o Pórtico Real, a Casa da Conga, a Casa da Parra e a cuberta da capela do Pilar, todos eles edificios que enriquecen o espazo urbano nos que se atopan».

«Despois de 300 anos»

As palabras de loanza para Domingo de Andrade tamén chegaron por parte do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que resaltou que, «despois de 300 anos, a súa obra non é só boa, senón que aínda se valora máis que na súa época. Foi un grandísimo arquitecto».

Nese senso, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apuntou que «se nos mandan pechar os ollos e imaxinar Santiago, moitos verán unha obra de Andrade, pero seguramente non saberán quen foi o arquitecto». De aí que animase a divulgar a figura do que foi nomeado mestre de obras da catedral en 1676. «Poñer en valor a Domingo de Andrade é poñernos en valor a nós mesmos como galegos», sentenciou. A Real Academia de Belas Artes anunciou que ao longo do ano continuará o seu festexo con diversas actividades e estudos.