A Xunta afrontará a rehabilitación das cinco catedrais de Galicia

m. s. corral MONDOÑEDO / LA VOZ

CULTURA

Na catedral de Mondoñedo restaurarase o conxunto mural do presbiterio e da nave central
Na catedral de Mondoñedo restaurarase o conxunto mural do presbiterio e da nave central XAIME RAMALLAL

Contempla finalizar este plan no horizonte do Xacobeo 2027

31 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta, a través da Consellería de Cultura, afrontará o mantemento e conservación das cinco catedrais de Galicia tomando como referencia ou horizonte o Xacobeo 2027: é o que chaman Plan das Catedrais.

Explicouno onte o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha visita á vella catedral de Mondoñedo, «onde anunciou un primeiro investimento de máis de 300.000 euros para restaurar o conxunto mural do presbiterio e da nave central» deste histórico templo.

Este proxecto de restauración dos murais, cofinanciado con fondos Feder, segundo indicaba o propio titular de Cultura, «permitirá resolver os danos na policromía barroca, a pintura mural da nave e o retablo do altar maior. Faranse traballos de limpeza superficial, protección das zonas en perigo de desprendemento, consolidación de morteiros, fixación da policromía e reintegración e limpeza cromática entre outros. Co fin de poder desenvolver os traballos asinouse un convenio de colaboración coa Diócese de Mondoñedo-Ferrol para a conservación de varios inmobles eclesiásticos», sinalaba Román Rodríguez.

Sobre o Plan das Catedrais o conselleiro de Cultura tamén apuntou: «Será unha ferramenta útil que reforzará a planificación e marcará a folla de ruta dos vindeiros anos».

Román Rodríguez sinalou que o punto de partida fora xa a catedral de Santiago, «onde grazas aos traballos de rehabilitación coordinados e aos esforzos conxuntos, “reestreouse” este 2021 nas mellores condicións para a década xacobea».

«Seguirémola coidando -afirmou-, pero agora queremos centrar tamén as nosas actuacións no resto de catedrais galegas poñendo outro horizonte temporal, o Ano Santo 2027, para seguir recuperando o noso patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago, tan importante».

«O Plan das Catedrais -abondou o conselleiro- está neste momento en elaboración, en diálogo coas distintas dioceses, coa previsión de aprobalo esta primavera, dirixido fundamentalmente aos templos matrices de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo co fin de protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e tamén emocional».

«Trátase -continuaba Román Rodríguez- dunha actuación que beneficiará ás catro provincias e que actuará en bens que suman máis de 4.500 anos de historia; todas elas están vinculadas ao Camiño de Santiago. De feito, tres delas están incluídas na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco, por exemplo esta catedral de Mondoñedo na que estamos hoxe».

Si, unha das catedrais incluídas neste plan é precisamente a de Mondoñedo -cidade episcopal cargada de historia, como antiga capital de Galicia- que o conselleiro visitaba onte e onde anunciou a licitación da restauración das pinturas murais, por máis de 300.000 euros, como temos apuntado.

«Trátase dunhas actuacións para seguir revalorizando un dos máis destacados Bens de Interese Cultural de Galicia e unha das xoias, sen dúbida, deste Camiño do Norte Xacobeo. Un templo, ademais, no que a Xunta investiu nos últimos anos máis dun millón de euros para a restauración da súa cuberta e da Casa dos Cóengos», finalizaba.