David Machado fai historia nos Mestre Mateo antes de gañar o premio: «Teño sete no estudio, e supoño que vou ter oito»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

David Machado no seu estudio de son, La Panificadora, onde ten tamén un Goya, por «El Desconocido» (Dani de la Torre, 2015), un premio de Cannes e outro do Festival Internacional de Cine de Chigado por «O que arde» (Oliver Laxe, 2019)
David Machado no seu estudio de son, La Panificadora, onde ten tamén un Goya, por «El Desconocido» (Dani de la Torre, 2015), un premio de Cannes e outro do Festival Internacional de Cine de Chigado por «O que arde» (Oliver Laxe, 2019) PACO RODRÍGUEZ

O técnico de son compite este ano, contra si mesmo, por catro producións distintas

24 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha lectura de finalistas a uns premios audiovisuais, o normal é afinar o oído cando se anuncian as categorías consideradas como raíñas, a de mellor filme, dirección ou actriz e actor protagonistas. Porén, o pasado 10 de marzo, no Teatro Colón da Coruña, os presentadores Marta Doviro e Amador Arias foron os primeiros en sorprenderse cando abriron os sobres cos aspirantes ao mellor son. As catro veces soou un nome, o de David Machado (Vigo, 1979). O técnico de son fixo pleno e historia. Compite contra si mesmo por tres películas (Ons, Arima e 9 Fugas) e unha serie, El desorden que dejas, na edición número XIX dos premios da Academia Galega do Audiovisual, que se celebran o 10 de abril de xeito presencial no Colón.

-Pensou que escoitara mal cando viu que non tiña rivais?

-Nunca me pasara isto. É raro. De primeiras ata me deu apuro, pero, no fondo, faime ilusión. A todo o mundo lle gusta estar nomeado.

-Máis se o está catro veces.

-É coincidencia. Tiven a sorte de estar en catro proxectos cuns directores que se preocupan moito polo son. Isto é un traballo en equipo. Estou nomeado con Alejandro López por El desorden que dejas; con Eloy Táboas e Marco Maril por 9 Fugas; con Javier Pato, por Arima, e con Sergio Silva por Ons.

-Cal é o mellor son: o que pasa desapercibido ou o que emociona nunha película?

-O son ten que aportar. Ser parte da linguaxe, como a fotografía. Non ten por que ser notorio. Tes que transmitir, de maneira consciente e inconsciente. Pode ser máis efectista ou intimista, pero sempre integrado coa historia. En O que arde o deseño do son deu moito traballo e case non se nota. Soa aos veráns na casa dos avós. Dicimos, «que boa foto!», cando é bonita, e «que bo son!», cando é potente. Pero unha boa foto e un bo son non teñen por que ser sempre iso.

O deseño de son, subliña David Machado, é un traballo en equipo. Nas catro producións polas que está nominado aos Mestre Mateo faino cunha candidatura compartida. Na imaxe, no seu estudio de son en Santiago, La Panificadora, onde traballan con el Javi Pato e Oscar Nieto
O deseño de son, subliña David Machado, é un traballo en equipo. Nas catro producións polas que está nominado aos Mestre Mateo faino cunha candidatura compartida. Na imaxe, no seu estudio de son en Santiago, La Panificadora, onde traballan con el Javi Pato e Oscar Nieto PACO RODRÍGUEZ

-A que soan as producións coas que compite este ano?

-Na serie de Netflix encargueime do son directo, a captación dos diálogos, por exemplo. Nas tres películas fixen o deseño sonoro. En Arima, de Jaione Camborda, as distintas capas sonoras contan diferentes historias. En 9 Fugas, de Fon Cortizo, está o baile entre a música e o deseño de son. En Ons, de Alfonso Zarauza, houbo que darlle voz á illa de Ons. Os sons do faro, do vento, do mar reforzan a sensación de thriller, de angustia, e tamén de paz. Gravas en tres dimensións para capturar moitas atmosferas e ambientes cos que logo traballas no estudio. No caso de Ons, rodamos todo en mes e medio, na mesma época, pero o argumento da película vai do verán ao inverno.

-Algunha favorita?

-Non me podo mollar, pero si na mellor curta. Gustoume moito traballar en Xoves de Comadres, nomeada [sorrí].

-Coido que os nervios están superados?

-Teño sete Mestres Mateo, e supoño que vou ter oito. Pero nervios sempre hai. Co Goya por El desconocido estaba moi, moi nervioso. Era a primeira vez e non contaba con el. Os Mestre Mateo encántanme. Hai quen di que son algo entre amigos, pero que me valoren eles motívame moito.

«Sempre suspendía no conservatorio»

O 10 de abril hai un finalista que sabe, de seguro, que non vai ir coas mans baleiras para a casa. David Machado, que xa gañou o Mestre Mateo por Dhogs (2018) ou O que arde (2019), pode presumir de bo oído, e iso que cando era pequeno tiña algo atravesadas as clases no conservatorio.

-Estaba predestinado?

-Miña nai quixo que aprenderamos música e apuntounos ao conservatorio. Cantaba fatal. Suspendía sempre. Pero, ao final, traballando, chegamos ata aquí. Estudei na Escola de Imaxe e Son, pero onde realmente aprendín todo o que aplico foi na Escuela Internacional de Cine de San Antonio de Los Baños, en La Habana, Cuba.

-A imaxe imponse ao son?

-Temos moita memoria fotográfica de primeiras, pero logo hai unha memoria auditiva que ás veces é máis potente e saca cousas que tiñas máis dentro. Pasa o mesmo co olfacto. Cando chego á praia de Nerga, aínda que vaia cos ollos pechados, sei que é Nerga. Chéirame a Nerga. Non es consciente do poder do olfacto ata que estás alí. Tampouco do silencio, e iso que o silencio total non é algo que exista, case nunca.

-O 2020 é un ano para esquecer. Salváronlle a vida ao sector as plataformas?

-Ao comezo resistinme un pouco ás series, unha película no cine segue parecéndome a mellor forma de consumo dun contigo audiovisual, pero agora hai moito máis traballo aquí. Imos gravar a segunda temporada de La Unidad (Movistar) e, tamén con Dani de la Torre, ultimamos a peli Live is Life. Agardo o día que volvamos encher as salas.