Once filmes de oito nacionalidades competirán na MICE en Santiago

CULTURA

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego aposta polo formato mixto, con mestura de actividades presenciais e en liña

24 mar 2021 . Actualizado a las 03:24 h.

Once filmes froito da coprodución de oito nacionalidades diferentes competirán na decimo sexta edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que está organizada polo Museo do Pobo Galego e se desenvolverá do 6 ao 10 de abril. Catro deses traballos será a primeira vez que se poidan ver en España. Farano nunha edición na que se mesturará o formato presencial e o telemático. Así, as películas a concurso poderán verse tanto no propio Museo do Pobo, en Numax e no Teatro Principal como en liña. O resto das seccións serán presenciais. Ademais, haberá ampla representación galega, con catro traballos en concurso ao que se lle unirá a preestrea de Negro púrpura, de Illa Bufarda, e a proxección de Os Corpos, de Eloy Domínguez Serén.

Nesta edición, segundo destacou a directora do festival, Ana Estévez, contaron cun millar de filmes candidatos a competir. Trátase, apuntou, de cifras similares a edicións anteriores. Así, na sección oficial poderanse ver coproducións de países como Canadá, Estados Unidos, Marrocos, Francia e Finlandia, entre outros. Nesa sección oficial competirán as propostas galegas A miña terra, de Santiago D. Risco; A poeta analfabeta, de Sonia Méndez; a curta Notas sobre a habitabilidade en A Barca, do colectivo Semente, e a película Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa. Nesta sección oficial destaca a estrea en España de Neiti aika, de Elina Talvensaari; Como el viento, de Raquel Ruíz; e Skatepark, de Jonatan Lyrefelt e Kim Ekberg.

Á sección oficial uniranse Trazas e Impropias. Nesta última procurarase a visibilización do traballo das creadoras e realizadoras. Neste caso Carolina Astudillo será a encargada de facer a selección para abordar a memoria «desde o punto de vista feminino e feminista», destacou a directora da MICE, Ana Estévez. Pola súa parte, Trazas constitúe unha colaboración co Cineclube de Compostela, centrarase nas linguas. No marco desta sección incluirase o día 10 de abril un recital no que participarán Luz Pichel, Celso Fernández Sanmartín e O Leo.

Por outra banda, o festival que foi presentado no Museo do Pobo este martes tamén incluirá un avance da peza Do not lean on door do artista visual Vicente Velázquez. Ademais, no acto da entrega de premios, ás 13.00 horas, haberá unha actuación do «thereminista» Paulo Pascual, que fixo a banda sonora de Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda).

A cita tamén inclúe MICE Petís, con programación para os máis novos. Neste caso, desenvolverase nos propios centros escolares debido ás limitacións que supón a pandemia.

Aínda que o festival se desenvolverá despois da Semana Santa, como adianto xa se pode ver nas salas do Museo do Pobo a exposición Ons Soa. No marco dela, este xoves, ás 187.30 horas, no Museo do Pobo, haberá un relatorio no que conversarán a comisaria da exposición, Paula Ballesteros Arias, e o director de cinema Alfonso Zarauza. Posteriormente, proxectarase o filme Ons no auditorio do Museo.

A MICE conta co apoio da Xunta, a Deputación e o Concello. Representantes destes organismos destacaron a importancia do festival. «A súa especialización no xénero etnográfico danos a imaxe dun audiovisual propio», destacou o director da Agadic, Jacobo Sutil. Pola súa banda, Xurxo Couto, responsable de Cultura da Deputación da Coruña, subliñou que a MICE supón un «singular encontro de culturas a través do audiovisual», en alusión ás oito orixes diferentes dos filmes da sección oficial. Ademais incidiu en que «a identidade pode ser vangarda e a etnografía é moderna». Pola súa banda, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, destacou que a metade dos filmes están dirixidos por mulleres. A vicepresidenta de Museo do Pobo, Concha Losada, apuntou que o cinema etnográfico non é só cinema folclorizante, «senón que é algo vivo».

As entradas da MICE para proxección presenciais no Principal poderán retirarse de xeito gratuíto na web de Compostela Cultura a partir do luns 5 de abril. No caso dos filmes programados en Numax poñeranse á venda este xoves. As que están xa á venda son as entradas para os filmes que estarán no Museo do Pobo.