Creación musical contemporánea sobre rexistros sonoros tradicionais

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A musicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora pioneira dun dos máis importantes labores de compilación sobre o cancioneiro popular galego
A musicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora pioneira dun dos máis importantes labores de compilación sobre o cancioneiro popular galego

Unhas xornadas en Santiago reflexionan sobre a potencia artística deste patrimonio galego

23 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Medra o interese polo patrimonio sonoro tradicional galego. Cada vez son máis os artistas que volven a mirada cara o pasado, que indagan esas fontes da cultura popular na procura de materiais sobre os que crear, dos que tirar novos camiños. Cada vez son máis os que pensan que nada mellor, para facer jazz ou música contemporánea -e mesmo folk, por suposto- desde Galicia, con personalidade de seu, que profundar nas auténticas raíces. A recente estadía na Coruña do produtor Raül Refree -que promoveu desde a electrónica e partindo da tradición xitana traballos iconoclastas con Rosalía ou a Antología del cante flamenco heterodoxo do Niño de Elche e que agora anda tras o fado- subliña este auxe que no propio país ten exemplos moi aquelados como Mercedes Peón, Davide Salvado, Tanxugueiras, Baldo Martínez, Faia Díaz, Xosé Miguélez e moitos outros.

Este fermoso e incesante bulir agóchase tras o proxecto O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea, unhas xornadas que comezan este mércores 24 de marzo en Santiago -e que rematan o sábado- e que buscan xerar un espazo de reflexión, de posta en común das cousas que se están a realizar actualmente, e que «aspira a ser un lugar de encontro das ideas que se están movendo, cada unha un pouco polo seu lado, dunha maneira inconexa, desordenada», di Aitana Cuétara, impulsora e produtora dunha iniciativa que conta co respaldo do Concello de Santiago e a Xunta.

Este tesouro da oralidade terá nun roteiro a expresión máis divulgativa e aberta deste ciclo, que se abre precisamente coa súa inauguración. A través de 21 espazos de Compostela (comercios, museos, bares, librarías...) confórmase un paseo sonoro pola cidade, no que o interesado -mediante a lectura dun código QR no escaparate destes establecementos- poderá ir escoitando sucesivas recollas de campo nos seus arquivos orixinais, cada unha destas pezas a proposta dun músico, artista, etnomusicólogo ou investigador, que actúan como prescritores. As gravacións van desde os arquivos do folclorista estadounidense Alan Lomax, da primeira metade da década dos cincuenta, ata os tempos de hoxe (especialmente os anos noventa). Este percorrido estará vixente até o 4 de abril, nun intento de aproveitar a afluencia de visitantes en Semana Santa, explica Cuétara.

O roteiro trata de establecer un certo relato. Así, na mercería Algui na rúa do Vilar o afeccionado atopará un canto de costureiras e no bar Viño, a carón do arco da praza de Mazarelos, unha cantiga de arrieiros, xa que era por esta porta por onde entraban os transportes de viño que chegaban desde O Ribeiro.

Na tarde do mércores o foco trasladarase ao Consello da Cultura, onde se celebrará unha escoita comentada por Xosé Ramón Pousa e Cristina Pujales da colección de lousas do Arquivo Sonoro de Galicia, que garda setecentos rexistros en pedra que van desde 1900 até finais dos anos cincuenta, desde as primeiras gravacións do Coro Aires da Terra de Pontevedra en 1904 até as que se realizaron na emigración bonaerense e cubana e as cancións galegas nas voces máis coñecidas da época. Esta charla será presencial -hai que inscribirse previamente, polas restricións de aforo-, pero tamén se emitirá en streaming.

O xoves o Museo do Pobo Galego acollerá un pequeno coloquio entre Xosé Miguélez, Faia Díaz, Mercedes Peón e Tanxugueiras, unha conversa entre catro dos artistas que lle tiran hoxe máis proveito creativo a este campo musical. O espectáculo Sa mateixa que pola tarde ía brindar no teatro Principal o grupo de Joana Gomila sobre as recollas de Lomax nas Illas Baleares tivo que suspenderse polo positivo por covid-19 dunha das súas integrantes.

Tamén no Museo do Pobo Galego, o venres, celebrarase unha mesa de debate sobre o mercado profesional para este tipo de proxectos de creación, que contará, entre outros, coa presenza de Jordi Fosas, da Fira Mediterrània de Manresa, un dos certames punteiros na Península neste ámbito musical. Pouco despois, no teatro Principal, Faia presenta o seu novo espectáculo, un traballo intimista no que abrolla a creación experimental e a identidade desde os sucos da herdanza.

O sábado pecha estas xornadas cun obradoiro impartido de mañá pola etnomusicóloga Xulia Feixóo sobre a metodoloxía de traballo de campo. E pola tarde, unha charla online de Carlos Martorell, especialista de música electrónica e no tratamento musical por intelixencia artificial de cancioneiros tradicionais.

Novo espazo web para o Arquivo Sonoro de Galicia

O Consello da Cultura Galega remodela a web do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) para achegar os seus fondos á cidadanía, un tesouro dispoñible gratuitamente en Internet pero cuxo coñecemento non acaba de transcender. Uns dez mil exemplares en diferentes formatos que conforman unha nutrida parte da produción musical galega, editada en Galicia ou fóra, preto de seis mil voces de figuras senlleiras da cultura ou as primeiras gravacións que se conservan son algúns dos materiais que custodia o ASG -centro creado en 1992, que dirixe Xosé Ramón Pousa e depende do Consello da Cultura-, que onte estreou o novo espazo web. A reforma constitúe a primeira fase dun proxecto que busca contribuír á visibilización deste material. Cilindros de cera, rolos de pianola, lousas, cartuchos de casetes, casetes, vinilos, cedés, deuvedés... son algúns dos seus moi variados formatos. A consulta pode facerse na web pero tamén a través do catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia.