«Phármakon», música e danza contemporáneas para recrear a Sófocles e Eurípides

HÉCTOR J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O compositor ferrolán Pablo Seoane está detrás de «Phármakon», unha peza musical e escénica escrita para dous músicos e dous actores bailaríns
O compositor ferrolán Pablo Seoane está detrás de «Phármakon», unha peza musical e escénica escrita para dous músicos e dous actores bailaríns

A peza inspírase nas traxedias clásicas «Antígona», «Medea» e «As bacantes» e estréase este domingo na Cidade da Cultura

23 mar 2021 . Actualizado a las 12:36 h.

Lembra o filósofo e pianista Pablo Seoane (Ferrol, 1968) que o significado de phármakon na Grecia antiga era -ademais de veleno e medicina, segundo a dose usada- chibo expiatorio ou vítima propiciatoria, é dicir, «a persoa que era ritualmente exiliada ou morta para restituír a saúde da comunidade». Phármakon é tamén o título da peza musical e escénica que escribiu a partir de tres traxedias clásicas: Antígona (de Sófocles) e Medea e As bacantes (Eurípides). A traxedia, anota, provén do recoñecemento desa violencia, «da terrible asunción de que a agresión contra o outro xera pertenza, cohesión do grupo». O elemento estraño que hai que castigar, argumenta, sinala ao estranxeiro ou o bárbaro, pero tamén aos que amosan algunha anomalía no seu comportamento, seres de sexualidade non homologada, mulleres díscolas, non crentes... Nesta indagación que os textos clásicos propoñen, apunta, cabe profundar nos «inestables límites da identidade persoal».

A obra de Seoane -pensada para dous músicos e dous actores danzaríns- estréase este domingo no salón de convencións do Centro de Innovación Cultural (Cinc) da Cidade da Cultura, que coproduce o espectáculo xunto co CDG (Centro Dramático Galego) no marco do programa de residencias artísticas do Gaiás. Baixo a dirección do propio compositor, María José Pámpano (viola) e Benxamín Otero (corno inglés e óboe) interpretan a peza musical e os actores Raquel Hernández e Artús Rey (membros da compañía viguesa Teatro Ensalle) desenvolven a narración sen texto coas técnicas da danza contemporánea e o teatro físico. Articulada en cinco escenas, ten unha duración duns cincuenta minutos. 

«Clásicas desfeitas»

O proxecto nace da invitación do CDG e o Gaiás, dentro da serie de Clásicas desfeitas, da que supón a súa segunda entrega e que na primeira serviu un espectáculo baseado nos personaxes -xa pertencentes ao imaxinario colectivo e histórico- Frankenstein, Prometeo e Fausto, a través dos que configura un retrato da humanidade moderna. Na terceira e última entrega, o coreógrafo Manu Lago -da compañía de danza contemporánea Pisando Ovos- traballará con materiais máis recentes: Orlando de Virginia Woolf, A consagración da primavera de Igor Stravinski e O mito de Sísifo de Albert Camus. O programa trata de sacar de sitio a escena, ao encargar as obras a xente que non é propiamente do mundo do teatro (ou da dirección) na procura dunha perspectiva non convencional.

Sen caer nun exercicio de falsa modestia, Seoane asegura que non pretende facer dirección teatral. Senón que coa partitura e a escenificación só buscou traducir o espírito destes textos e fixar un correlato no espazo. De feito, incide, a axuda de Laura Iturralde coa escenografía e a iluminación e de Marte Martinka co vestiario resultoulle determinante.

Seoane priorizou certas confluencias en Antígona, Medea e As bacantes e explotou aspectos que xulga relevantes neses dramas, situacións que se dan nalgún deles ou en varios. Por poñer un exemplo, detalla, na segunda escena pon en xogo o enfrontamento de Tiresias e Penteo (As bacantes), nunha estrutura que se reedita nas outras obras coa dualidade Antígona/Creonte (Antígona) e Medea/Jasón (Medea). É dicir, sempre se repite «o esquema do anómalo enfrontándose á lei».

As entradas para a representación, este domingo ás doce, están esgotadas, cun aforo moi limitado pola pandemia.