A formación dirixida por Xacobe Martínez Antelo grava o seu primeiro disco
20 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Hai tempo que o jazz galego vive en celebración, con solistas e formacións que transcenden as fronteiras do país. Isto deu pulo a un circuíto de espazos máis ou menos estable na comunidade alén de locais veteranos como o Filloa na Coruña, o Latino en Ourense ou o Clavicémbalo en Lugo. «O jazz galego leva vivindo a súa época dourada dende hai moitos anos», afirma Xacobe Martínez Antelo, contrabaixista que está detrás de formacións como o trío Sumrrá, en activo dende hai máis de vinte anos, e que vén de dar unha puñada na mesa cunha ambiciosa empresa que bulía de vello na súa cabeza, a Orquestra Galega de Liberación, que estes días presenta o seu primeiro álbum.
Se o jazz está asociado de seu á liberdade creativa, esta andaina fai desa filosofía a súa aspiración máxima. El botaba en falta este tipo de música e de formación en Galicia. «En Sumrrá, no meu trío ou en outros proxectos, por exemplo, cabe a improvisación ata un certo punto, pero sempre sobre as composicións definidas, improvisacións e solos, mecanismo habitual en que se desenvolve o jazz». Non coñece precedentes orquestrais desta dimensión, anota, salvo o grupo Omega, que funcionou un tempo de modo estable na sala santiaguesa Nasa e facía improvisación. «Levo moito tempo dándolle voltas. Por fin a finais do 2019 conformei unha listaxe de músicos. A idea era telo presentado en vivo, pero a estrea, prevista para abril do 2020, tivo que ser adiada polo covid a xuño e despois a setembro. O día 12 debutamos no Teatro Principal de Compostela ante 60 persoas, un público limitado polas restricións». O rexistro do material que alí abrollou compón, integramente, o disco, dez pezas que fan un total dunha hora de recital.
«A orquestra nace buscando, coa intención posta en explorar técnicas de improvisación dirixida. Todos somos músicos profesionais, poderiamos interpretar calquera peza, calquera arranxo, de calquera estilo. É un grupo moi heterodoxo. Son xente que procede de distintas familias, dende a música clásica, a contemporánea, o jazz, o hard bop, a improvisación libre, o free jazz, o rock, a performance, as artes plásticas...».
Son, di, moitas sensibilidades diferentes en torno á improvisación, pero todos músicos talentosísimos. Agora ben, prosegue, todos partiron aquí de cero. Subiron ao escenario despois de unicamente dous días de adestramento, moi intensos, con sesións de mañá e tarde nas que Antelo lles ensinou as mecánicas de improvisación dirixida, cunha linguaxe de signos, moi técnica, creada nos anos setenta polo músico estadounidense Walter Thompson.
Compoñer en tempo real
«Chegamos ao concerto sen nada aprendido nin pactado, só co sustento das xornadas de adestramento, que se centran en perfeccionar a comprensión da linguaxe de signos», insiste. Dunha maneira esbozada, funcionaría así: xa no escenario, no comezo, hai unha proposta do director [Antelo], dun material musical, unha frase tipo, que esixe a participación duns músicos determinados, que dan unha resposta a esa petición, e en función desa achega o director reacciona, esculpe, vai dando entrada aos distintos intérpretes, reinterpreta, formula novas suxestións... «lanzando un diálogo moi solto. Eu non estou dirixindo en sentido estrito, senón que estou compoñendo en tempo real», matiza.
Todo é espontaneidade. Incluso a posible reacción do público se integra na música, «aínda que pareza incrible». É, di, unha necesidade, porque o público é difícil que permaneza en silencio. «O afeccionado asiste a un espectáculo único e intenso, e esa enerxía desborda o escenario. É unha experiencia moi aditiva», asegura.
O concerto de debut, que recolle o disco, foi un éxito, incide o director, que di que a orquestra ten vocación de continuidade. Os seus membros queren seguir traballando, tocando e gravando. Pero, obxecta, aínda que é un proxecto con «moito futuro», trátase dunha proposta profesional -son 17 músicos (director, cuarteto de corda, dous baterías, dúas guitarras, tres voces e cinco ventos)- e iso condiciona a súa viabilidade a que haxa interese de contratación e apoio institucional.
A queixa sobre a falta de sensibilidade non é nova. Pese á puxanza deste espazo musical, incide o contrabaixista, «toda a comunidade do jazz galego segue a esperar que haxa por parte da Administración autonómica unha aposta clara en torno a este fenómeno».
«O erro é sempre unha oportunidade para o improvisador»
Detrás deste proxecto hai un traballo arduo sobre a linguaxe de xestos, que permite que o director e os intérpretes se entendan. Como toda linguaxe, ten gramática e sintaxe. Hai alomenos cinco ou seis linguaxes diferentes desenvolvidas, explica Xacobe Martínez Antelo, que elixiu unha chamada Soundpainting, creada en Nova York nos anos 70 polo pianista de jazz Walter Thompson.
Contén máis de 1.500 signos e a Orquestra Galega de Liberación apenas empregou 120, «suficiente para xerar un nivel musical moi rico e complexo, rotundo, de gran satisfacción e beleza realmente espectacular. Cando mesturas estas técnicas probadas co talento dos músicos sucede isto». A disciplina require enorme concentración, presenza e musicalidade moi grandes, subliña o contrabaixista. Todos deben acudir coa mente aberta ao que suceda, o azar, o imprevisto... ata os erros. «A música é como a auga, sempre atopa por onde saír. O erro é sempre unha oportunidade. O noso traballo como improvisadores é converter eses erros en xemas preciosas en torno as cales construír pezas fermosas».
Ningún dos músicos coñecía a linguaxe. «Eu descubrina hai vinte anos cando Thompson deu un seminario en Santiago organizado polo Estudio Escola de Música e a sala Nasa», lembra Antelo, que admite que no nome do proxecto hai unha homenaxe a Charlie Haden e a súa Liberation Music Orchestra.
«Política pura e dura»
Este tipo de formacións agromaron nos 60 e 70 e tiñan un marcado carácter político, ao redor da reivindicación dos dereitos civís da comunidade afroamericana. De feito, un dos temas do disco, que comeza como un tributo a Coltrane, xira sobre un mantra recitativo: «Cando poderemos ser libres?». A cuestión é obvia: o proxecto ten un fondo político, ou é só un condimento máis? «Menuda pregunta! [ri Antelo] Podería falar horas diso. De tódolos xeitos, facer música improvisada é política pura e dura», advirte.