Xela Arias engade a narrativa á súa obra no ano que protagoniza o Día das Letras

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O libro foi presentado en Vigo polo fillo de Xela Arias. Na imaxe, Luz Beloso, Darío Gil Arias e Francisco Castro
O libro foi presentado en Vigo polo fillo de Xela Arias. Na imaxe, Luz Beloso, Darío Gil Arias e Francisco Castro XOÁN CARLOS GIL

O selo Galaxia publica «Non te amola!», un libro de contos que data de 1991

17 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nada máis ler un dos contos, un que se titula Vou ser vella, xa me recordou un montón de cousas que ela dicía», explica Darío Gil Arias para referirse ao libro de contos Non te amola! asinado por Xela Arias, a súa nai, no ano 1991. Estivo no arquivo familiar ata o de agora, que, coincidindo co ano no que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras, ve a luz da man da Editorial Galaxia. O libro, dirixido a un público infantil, conta coas ilustracións de Luz Beloso.

«Se eu recibo o libro sen saber que era de Xela Arias, non dubidaría en publicalo porque é un gran libro», sinala Francisco Castro, director xeral de Galaxia. O editor asegura que esta publicación é un acontecemento literario importante xa que supón engadir a narrativa á obra de Xela Arias, recoñecida ata o de agora pola súa creatividade no ámbito poético e os seus traballos na tradución e mesmo na edición de libros.

Non te amola! é unha biografía emocional da infancia de Xela Arias nunha aldea de Sarria e do cambio de domicilio a unha cidade. Son dezaseis contos nos que, segundo Francisco Castro, a nena Xela móstrase dun xeito moderno. «Non é un personaxe de nena cursi senón empoderada; isto hoxe é moi normal, pero hai que ter en conta que este libro foi escrito hai trinta anos. Chama á atención a tenrura coa que trata a figura dos avós», apunta o director xeral de Galaxia.

«Sabiamos de primeira man que a miña nai quería publicar este libro porque estaba moi contenta co seu traballo e era plenamente consciente de que era unha obra rematada e asinada, aínda que por diversas circunstancias non se deu o caso da súa publicación no seu momento», lembra Darío Gil Arias.

Pola súa banda, Luz Beloso, declarada admiradora da figura de Xela Arias, asumiu o reto de ilustrar o volume con certas dificultades. «Atopei algunhas fotos de cando ela era nena, pero non se lle vía moi ben a cara; representeina decidida, valente e inconformista, pero nena», afirma Beloso, que, respecto a técnica de traballo empregada, di, trata de coller o mellor dos debuxos a man e do dixital.

No derradeiro conto do libro, Arias fai unha fermosa reflexión sobre o propio valor da literatura. Di así: «Pensei que escribir un libro podía ser unha causa ben inútil. E mais mesmo as causas inútiles teñen sentido. Un ponse a falar dos seus avós, ou do que pensa, ou dun día que se mudou de casa, e vai e remata por descubrir que as leis están mal».

Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) foi unha poeta que publicou libros esenciais, como Denuncia do equilibrio ou Darío a diario, dedicado ao seu fillo, no que aborda a maternidade cunha mirada afastada do tratamento tradicional. A súa derradeira obra, publicada no ano 2003, Intempériome, segundo explican dende a editorial Galaxia, converte a desobediencia e a transgresión en palabra poética. Autora sempre comprometida, puxo a súa voz en mobilizacións cívicas como a que xurdiu contra a marea negra do Prestige. Traballou como editora e como docente de ensino secundario; traduciu para o galego desde o inglés, o italiano, o portugués e o castelán a autores importantes. A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas con numerosos actos, como a Primavera das Letras, que comezou no colexio vigués onde Xela Arias estudou de nena.