O festival Alguén que respira! alza o pano en Santiago coas promesas da poesía na Península

CULTURA

cedida

Manuel Rivas lerá o manifesto que abre a cita compostelá este domingo

17 mar 2021 . Actualizado a las 00:21 h.

Os versos agromarán en Santiago este domingo co inicio da cuarta edición do festival Alguén que respira!, «o principal encontro poético multilingüístico da Península Ibérica», destaca Antón Lopo, director desta cita impulsada polo Concello de Santiago. As voces de seis novas promesas de distintas linguas peninsulares resoarán no interior do Teatro Principal. Antes, o autor Manuel Rivas lerá desde o balcón, ás 19.00 horas, o manifesto que escribiu polo Día da Poesía.

O recital + ou - 21 [anos] —en alusión á idade medida dos novos poetas— posibilitará «asomarnos a esa fiestra de ver o futuro», destacou Antón Lopo. O máis novo dos autores será Mario Obrero (Madrid, 2003) mentres que a de máis idade é a catalá María Isern (Vic, 1994). Xunto a eles participarán os galegos Belén Senín (Pontecesures, 1999) e Iago González (Vilar de Barrio, 1999), o vasco Martín Bidaur (Tolouse, 1994) e a portuguesa María Brás Ferreira (Lisboa, 1998). «Conforman a constelación de promesas das súas respectivas linguas», engadiu o director do festival. Precisamente, sobre Mario Obrero destacou que se trata «dun dos fenómenos da poesía actual». Martín Bidaurt fixo para o festival unha serie dedicada a Santiago e Galicia. «Xa dixo que igual non publica máis libros», salientou Lopo. A lusa María Brás Ferreira está ligada ao mundo da cinematografía, mentres que María Isern, amosa a emerxente poesía catalá. A representación galega chegará con Iago González, «un discípulo de Olga Novo sen libro publicado», e de Belén Senín, cun traballo editado. «Será un recital espectacular porque son poetas que teñen unha certa aureola e que case non coñecemos», resaltou Lopo.

Este ano o festival o Alguén que respira! cambiou de formato. Desenvolverase ao longo do ano en vez de concentrarse nunhas datas, como nas anteriores ocasións. Será coincidindo cos solsticios e os equinoccios: 21 de marzo, 21 de xuño, 21 de setembro e 21 de decembro. Deste xeito, segundo destacaron tanto o director do festival como a concelleira de Acción Cultura de Santiago, Mercedes Rosón, pretenden posibilitar levar adiante as propostas habituais do festival en previsión de que as condicións sanitarias vaian mellorando. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidiu no gran potencial da poesía galega. As entradas, que son gratuitas, xa poden reservarse.