Celso Emilio Ferreiro, corenta anos despois

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Celso Emilio Ferreiro, con el puerto de Caracas de fondo, el día en que el tomó el barco para regresar a España
Celso Emilio Ferreiro, con el puerto de Caracas de fondo, el día en que el tomó el barco para regresar a España EDUARDO MOSTEIRO

17 mar 2021 . Actualizado a las 16:34 h.

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) foi un escritor recoñecido en vida e segue a ser un autor moi celebrado catro decenios despois do seu pasamento. A imaxe do poeta -con lentes e bigote- foi deconstruída en caricaturas, selos de correos e carteis con todo tipo de cores. Os versos de Deitado frente ao mar prestáronse ao hip-hop dos Dios Ke Te Crew e cos de Irmaus fixeron punk os membros de Satxa. Quen non viu algunha vez un graffiti ou unha pintada cun extracto da Longa noite de pedra?

O libro Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial 1979-2019, presentado o pasado venres no Parlamento galego, recolle algunha desas pintadas espalladas de xeito irreverente polas vilas galegas e tamén compila imaxes de bustos e placas de rúas co seu nome que locen na súa vila natal, en Madrid, Móstoles, Vigo ou Venezuela.

Tal e como explicou Ramón Nicolás -crítico literario e membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro-, o libro do que é autor quer ser unha crónica sobre o gran legado do poeta de Celanova. A publicación é, en si mesma, unha rareza. «É un libro ronsel -explicou Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega-, que comeza logo da morte e recolle a pegada de Celso Emilio, a crónica vivida por todos nós logo do seu pasamento».

«Símbolo e referente»

Luís Ferreiro, fillo do escritor, xunto con outros familiares, participou tamén na presentación da publicación que tivo lugar no Salón de Reis do Parlamento de Galicia, coa presenza do seu presidente, Miguel Santalices, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, como representantes das dúas institucións que patrocinan a obra. Aínda que non se trata dunha biografía do autor, senón máis ben dun libro sobre a construción do poeta como «símbolo e referente para unha sociedade», explicou Valentín García, permite ver algúns aspectos do carácter e a personalidade dun home irrepetible. «Estivo inequivocamente comprometido co país o coa lingua», explicou Freixanes.

E tamén coa política. En 1964 participa na fundación da UPG, hoxe o partido hexemónico no BNG, co que racha unha década despois para acabar afiliándose ao PSOE e contribuír a galeguizar a formación socialista.

Celso Emilio morre en 1979. E sobre a súa sepultura, explicou Santalices, a súa dona, Moraima, depositou chorimas, a flor do toxo, «a súa flor preferida».