Munio Fernandes de Mirapeixe, identificado entre os poetas máis antigos
14 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Documentos do arquivo da catedral de Lugo permitiron identificar a Munio Fernandes de Mirapeixe como un dos poetas medievais máis antigos, das últimas décadas do século XII e primeiras do XIII. O profesor José António Souto Cabo, do departamento de Filoloxía Galega da USC (Universidade de Santiago), publicou esta recente descuberta na revista Madrygal da Universidade Complutense de Madrid. O seu traballo resolve dúbidas, pola escaseza de informacións históricas directas sobre Mirapeixe. Entre outros centros de interese da súa investigación destacan o confirmar a filiación galega, pois a proximidade do apelido Mirapeixe con outros, cataláns ou occitanos, facía pensar ao filólogo italiano Giuseppe Tavani, e a máis especialistas, na posibilidade de situar a súa ascendencia neses países. El completa o grupo dos autores galegos máis antigos da lírica medieval, pertencentes á aristocracia galega. Tamén se fixa agora o seu nome, Munio, non Nuno ou máis variantes sobre as que dubidaron outros estudosos.
Souto rexistrou este escritor na Noticia da casa da Cruz, un documento que informa dos individuos polos cales a catedral de Lugo obtivo a propiedade dunha casa nesa rúa. Coincide coa actual rúa da Cruz da cidade, historicamente vinculada á Sé, como proban diversos estudos, di. A familia de Munio foi propietaria dun edificio da mesma.
O profesor da USC identifica seis irmáns de Mirapeixe e outros parentes, a quen relaciona coa estirpe dos Monterroso, que se distinguiu pola protección do Camiño de Santiago, entre outras actuacións co apoio a un hospital de peregrinos situado en Pena Godón, onde converxen Monterroso e Portomarín; ou por favorecer a instalación da Orden de Santiago no mosteiro familiar de Vilar de Donas. Tamén analiza os vínculos de Mirapeixe con outros autores do grupo máis antigo de poetas da lírica galego-portuguesa. Entre eles, Fernandes de Mirapeixe está precedido por Osório Eanes (1175-1217), Airas Oares (1187), Rui Dias dos Cameros (1182-1226) e Pero Rodrigues da Palmeira (1225), e seguido por Gil Sanches (1207-1236), Rui Gomes o Freire (1215), Fernando Rodrigues de Calheiros (1195) e Pedro García de Ambroa (1203-1235), refire Souto na revista madrileña. Completan o grupo dos once autores galegos máis antigos, do primeiro período, activos xa no século XII e que compuñan cantigas, Airas Moniz de Asma (1219) e Diego Moniz «que tamén se supón que podería ser de Asma e irmán do anterior, e de quen nos falta información», di Souto.
Naquela altura o galego era a lingua da lírica nos reinos do centro e occidente da Península. Iso explica, por exemplo, que se elaborasen nela as Cantigas de Santa María, do rei Afonso X.
«A maioría da documentación galega está en Madrid»
José António Souto manifesta que eses once poetas galegos conforman «o segmento inicial da sección que foi denominada ‘cancioneiro de cavaleiros’, un grupo de autores que esclarece como xerminou e se desenvolveu inicialmente ese lirismo nas terras do noroeste peninsular».
Outros traballos anteriores seus, ou tamén de Mercedes Brea, probaron que ese grupo reúne de modo case exclusivo membros da aristocracia galega «pertencentes, ou dalgún modo asociados, á liñaxe dos Travas», a principal familia favorecedora desa escola literaria medieval.
A tradición manuscrita atribuíu a Munio Fernandes de Mirapeixe dúas cantigas, Pois me fazedes mia senhor e Dizer-vos quer’eu, mia senhor. «Son os únicos restos do que debera ter sido unha produción poética máis extensa», afirma. Destaca a primeira delas, onde se serve do verbo «perder» complementado por «desejos» e «sabor» para referir a natureza fatal dunha paixón amorosa, para a cal só a morte lle parece ser vía de saída. É ese un recurso estilístico que só utilizan catro autores máis dos cancioneiros galego-portugueses. Souto Cabo defende que Fernandes de Mirapeixe será probabelmente tamén o autor dunha cantiga de amor atribuída a Fernão Figueira de Lemos, poeta portugués, dun período posterior, máis moderno da tradición manuscrita, de finais do século XIII.
Souto dedicou máis de dúas décadas da súa traxectoria profesional a investigar a literatura medieval galego-portuguesa. A maioría da documentación galega procedente de institucións relixiosas, como a que lle permitiu avanzar sobre Mirapeixe, «está no Archivo Histórico Nacional, en Madrid», detalla.
Este profesor é autor de Os cavaleiros que fizeram as cantigas, libro editado pola Universidade Federal Fluminense brasileira, considerado unha referencia no estudo das orixes dese movemento poético; entre outras obras colectivas e traballos en revistas especializadas. Tamén descubriu o texto máis antigo en galego-portugués, elaborado en Braga en 1175; e o máis antigo en Galicia, do ano 1231.