A restrospectiva de Antón Patiño segue no «Latexo do labirinto»

borja casal SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

O artista estende o seu «Caosmos» cunha nova mostra en Santiago

13 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un desafío para a abstracción como porta de entrada á obra de Antón Patiño. Esa é a idea detrás da nova mostra do poliédrico pintor e artista monfortino, que inaugurou este venres Latexo do labirinto na galería Luisa Pita de Santiago. As pezas que se exhiben tiran do fío que Patiño despregou durante boa parte do ano pasado no CGAC con Caosmos, unha retrospección de toda a súa obra.

Nesta nova presentación hai pezas que dan continuidade á proposta que se viu no Centro Galego de Arte Contemporánea, como os dípticos ou o espazo acuático, constantes na traxectoria de Patiño, pero a proposta muda para adaptarse ao lugar. «No CGAC buscaba unha experiencia máis inmersiva, reforzada pola propia montaxe, mentres que agora apelo á capacidade de abstracción. O espazo é máis contido, pero o concepto é o mesmo: pintura orgánica e diálogo a través da sinestesia. A deconstrución está aí», explica Patiño, que destaca o movemento e as tensións que apreixan as marxes dos seus cadros.

Unha pintura viva e con trazos que soan a Kandinsky ou a Klein, en canto á consecución de resultados complexos por medio de elementos sinxelos. «Son rexistros moi elementais, pero de aí saen mapas, cartografías, xeroglíficos. Ao final é un traballo con pouco material: a liña, a mancha, a cor ou os símbolos. Os ingredientes non son moitos, pero todo iso plasma intuicións», sinala o pintor. Bo exemplo é Recorrido simbólico, un cadro do 2018 que Patiño describe como «unha arañeira que establece tensións cando se chega aos límites, que apreixan puntuacións e formas que constrúen movemento».

A mostra agrupa pezas de distintos anos: desde os 90 ata a actualidade, mesmo con algunhas feitas xa no 2020. Esas últimas continúan coas tensións de anos atrás, xogando con xeometrías que crean «realidades semellantes que se rompen» de forte movemento, porque ese é un dos focos de Patiño: o vivo como algo orgánico. «O propio título da mostra xa o di. O latexo é algo vivo e eu entendo o labirinto como algo que non está morto. Aí está o movemento. É como se o pintor fixese unha ponte entre a realidade do mundo fenoménico e a súa cristalización en cadro», engade.

Miradas activas

As exposicións virtuais gañan cada vez máis peso, pero a experiencia, subliña Patiño, nada ten que ver se a lectura é con fotografías. «Poden ter moita calidade, pero perdes case todo. A profundidade da obra depende da mirada activa. Iso é fundamental nesta mostra, que é unha paisaxe entendida como proceso anímico, porque ao final as paisaxes son iso: construcións humanas», conclúe o artista.