Trinta roteiros divulgarán o amplo e rico patrimonio de cruceiros que ten Galicia

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle de catro dos cruceiros do primeiro roteiro dispoñible, na Terra Chá
Detalle de catro dos cruceiros do primeiro roteiro dispoñible, na Terra Chá CCG

O Consello da Cultura publicará un percorrido ao mes polos monumentos

12 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Reparade nos nosos cruceiros e descubriredes moitos tesouros». As verbas son de Castelao e, segundo apuntou Fernando Arribas, presidente da Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, continúan moi vixentes na actualidade, aínda que, «é o monumento máis inxustamente esquecido, normalmente non se repara neles». Precisamente, para reverter esta situación e conseguir que as miradas se pousen sobre algunha das aproximadamente dez mil pezas destas características existentes en Galicia - «non hai concello que non teña un»-, o Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora ao seu proxecto de roteiros trinta percorridos que darán a coñecer ao redor de 150 cruceiros dos máis representativos do territorio galego durante os vindeiros dous anos. Cada segundo xoves de cada mes publicarase unha entrega. A primeira está centrada nos calvarios da Terra Chá, a comarca lucense co maior número deste tipo de construcións.

«O proxecto procura a sensibilización social ao redor destes monumentos tan característicos do patrimonio cultural galego», destacou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, durante a presentación da iniciativa froito da colaboración coa Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas. Trátase de percorridos moi accesibles, que se poden facer comodamente nunhas dúas horas e para todo tipo de públicos. «A intención é coñecer todo o país a partir dos cruceiros. Así, no noso traballo, a teima foi amosar a diversidade xeográfica e a diversidade formal, de factura, de orixes e épocas destes monumentos», afirmou o técnico do Consello da Cultura Manuel Gago. Estes roteiros buscan «axudar a entender os cruceiros, a interpretar o significado das formas que aparecen en cada un deles. Entón, non é só unha descrición formal, senón que, na medida que se pode, inclúense datos ao redor do que se está representando».

Manuel Gago, Rosario Álvarez e Fernando Arribas, na presentación do proxecto na sede compostelá do Consello da Cultura Galega
Manuel Gago, Rosario Álvarez e Fernando Arribas, na presentación do proxecto na sede compostelá do Consello da Cultura Galega Sandra Alonso

Os cruceiros, subliñou Fernando Arribas, «son o monumento relixioso máis importante de Galicia, onde mellor se adaptaron ata converterse nunha icona da nosa cultura». Nese sentido, engadiu que «é o país do mundo cun maior número de cruceiros, con maior variedade de tipoloxías e con maior variedade de cronoloxías». Hainos desde o século XIV ata o XXI: «É unha arte que se segue empregando, agora cun sentido máis ornamental». Pese a esta situación, apuntou que nin se valoran nin se repara neles «nin por parte das autoridades nin dos investigadores». Lembra que precisamente Castelao publicou As cruces de pedra na Galiza porque ninguén se fixaba nestes fitos. «Seguimos na mesma situación, poucos investigadores se dedican a eles e xa temos un problema de relevo xeracional na asociación».

Ademais de dar visibilidade aos cruceiros, o proxecto tamén pretende sensibilizar sobre a súa protección. Nese senso, o presidente da Asociación de Amigos dos Cruceiros afirmou que estarían protexidos como BIC os anteriores a 1901 «pero non hai ningún inscrito como tal», quedando os posteriores sen recoller.

Estes trinta roteiros servirán de antesala a un gran encontro sobre os cruceiros no 2022 para poñer en común as investigación e estudos sobre eles.