A proposta recibiu emendas de ámbolos dous partidos. Cs, Vox e UPN tamén amosaron o seu rexeitamento a unha PNL que se someterá este xoves á votación.
Mesa pola Normalización
A Mesa pola Normalización Lingüística referendou a iniciativa coa súa presenza no Congreso dos Deputados. Ante a porta dos Leóns, o presidente da asociación, Marcos Maceiras, debullou un proxecto que, dixo, trata de apoiar o uso cotián e normalizado destes idiomas. «O que presentamos aquí é algo moi elemental. A declaración dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos, a carta europea das linguas rexionais minorizadas, a declaración universal de dereitos lingüísticos coinciden nun elemento que para nós é básico: calquera comunidade lingüística ten dereito a falar a súa lingua no seu propio territorio», subliñou. «É hora de que o Estado español pase da política declarativa, ratificando todos estes documentos, a unha política real, a unha política executiva», insistiu o presidente da Mesa. «Se algo hai que desterrar en calquera sociedade democrática é o racismo en todas as súas formas, incluído o racismo lingüístico, que é a versión que discrimina a persoas polo simple feito de pertencer a unha comunidade lingüística. Iso aínda pasa hoxe no Estado español co sustento do BOE», deplorou Maceiras.