O Congreso debate unha proposta non de lei a prol da igualdade lingüística no Estado español

Guillermo Redondo MADRID / LA VOZ

CULTURA

O presidente da Mesa pola Normalizacion Lingüística, Marcos Maceiras, comparece ás portas do Congreso
O presidente da Mesa pola Normalizacion Lingüística, Marcos Maceiras, comparece ás portas do Congreso BENITO ORDÓÑEZ

A Mesa pola Normalización participa na iniciativa que persegue unha política real de emprego das linguas, especialmente na administración e no ensino

09 mar 2021 . Actualizado a las 15:14 h.

A Mesa pola Normalizacion Lingüística presentou este martes na Porta dos Leóns do Congreso dos Deputados unha iniciativa para revalorizar e defender as linguas que conviven no Estado Español, nun recoñecemento da realidade plurilingüe do país. O presidente da asociación, Marcos Maceiras, representou á lingua galega na antesala do debate da proposta non de lei que se celebrará esta tarde na Cámara Baixa. Xunto a el, outros representantes das diversas linguas que secundan a iniciativa como representantes dos falantes do eúscaro, o valenciano, o catalán ou o asturiano, expuxeron a iniciativa, que trata de apoiar o uso cotián e normalizado destes idiomas. «O que presentamos aquí é algo moi elemental. A declaración dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos, a carta europea das linguas rexionais minorizadas, a declaración universal de dereitos lingüísticos coinciden nun elemento que para nós é básico. Calquera comunidade lingüística ten dereito a falar a súa lingua no seu propio territorio», explicou Maceiras.

O obxectivo da iniciativa acollida tamén por algúns representantes políticos, como Néstor Rego, do BNG, ou Mertxe Aizpurua, de EH Bildu, grupo encargado da defensa no hemiciclo da proposición non de lei, é que o Lexislativo ou, no seu defecto, o Executivo, recollan a petición e desterren o que consideran racismo linguístico. «É hora de que o Estado español pase da política declarativa, ratificando todos estes documentos, a unha política real, a unha política executiva», expresou o presidente da Mesa. «Se algo hai que desterrar en calquera sociedade democrática é o racismo en todas as súas formas, incluído o racismo lingüístico, que é a versión que discrimina a persoas polo simple feito de pertencer a unha comunidade lingüística. Iso aínda pasa hoxe no Estado español co sustento do BOE», expuxo Maceiras.

Segundo palabras do presidente da plataforma, a proposición busca a igualdade de dereitos e a defensa da lingua nas administracións e facendo un esforzo maior na escolarización. «Con esta PNL o que queremos dicir é que somos cidadáns iguais e queremos ter os mesmo dereitos e os mesmos deberes, e que se nos recoñeza o dereito a usar as nosas linguas en todo e para todo. Unha persoa por falar galego é exactamente igual que outra que fala calquera outra lingua do mundo».

A Mesa pola Normalización Lingüística criticou que menos do 1 % das sentenzas xudiciais de Galicia empregan o galego e que «un de cada catro menores de 15 anos afirma non ser capaz de falar galego».