O Consello da Cultura Galega mira cara ás marxes para homenaxear a Xela Arias

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O fillo de Xela Arias, Darío Gil, acompañou a presidenta e a secretaria do Consello da Cultura
O fillo de Xela Arias, Darío Gil, acompañou a presidenta e a secretaria do Consello da Cultura ccg

A entidade programa un concerto, un recital poético e impulsa unha web sobre a escritora luguesa festexada no Día das Letras 2021

04 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ambiciono o equilibrio dos extremos. Este título dun dos poemas de Xela Arias, a homenaxeada polo Día das Letras Galegas, serve de guía á programación deseñada polo Consello da Cultura Galega (CCG) para lembrar a súa figura. Unhas actividades que xa teñen o seu primeiro reflexo nun espazo web que permite un achegamento á biografía da escritora -que hoxe cumpriría 59 anos-, e que dará tamén acubillo ao resto de propostas que se farán ao longo do ano atendendo á pluralidade e a diversidade que marcaron a súa traxectoria. «Vai ser un ano de moitas emocións», enxalzou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, para presentar as propostas acompañada pola secretaria da entidade, Dolores Vilavedra, e o fillo de Xela Arias, Darío Gil.

Na programación deseñada, ademais do espazo web, tampouco faltarán a publicación dun libro da autora homenaxeada polo Día das Letras, neste caso trátase do traballo inédito Non te amola, e un concerto, que será ofrecido o 16 de maio en Vigo por Laura LaMontagne e PicoAmperio. Neste ano, o CCG tamén quixo vencellar a celebración do Día da Poesía a Xela Arias. Así, articularán en torno á súa figura un encontro interxeracional poñendo en diálogo a súa voz con outras voces novas da actualidade. Debido á pandemia, precisou Vilavedra, a iniciativa terá un formato dixital. O próximo día 21 publicarán unha videocreación coa participación de autores como Berta Dávila, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, entre outros. Unha iniciativa que terá continuidade cunhas gravacións dos autores lendo textos de Xela Arias, así como a elaboración dun pequeno libro-obxecto.

En relación ao concerto, como é habitual, converterase na antesala dos actos de celebración convocados pola Real Academia Galega, que este ano serán en Vigo. «Quixemos facer un concerto ao que Xela quixese ir, arriscar como ela o fixo e explorar as marxes», detallou Dolores Vilavedra. E para iso apostaron por PicoAmperio e Laura LaMontagne, que nesta ocasión ofrecerán un espectáculo moi interdisciplinario.

O fillo da escritora e tradutora, Darío Gil, agradeceu as actividades destacando a «transversalidade xeracional» con ese encontro das novas voces coa da súa nai con motivo do Día da Poesía, así como a importancia da confluencia de diferentes artes, algo que tamén caracterizou a súa traxectoria. «Todo está sendo moi fiel ao legado dela», concluíu.

«Non te amola», edición dunha obra narrativa inédita que a autora «sempre quixo publicar»

O Consello da Cultura Galega publicará un traballo inédito de Xela Arias, «Non te amola». Trátase dunha obra narrativa, que propuxo a familia, e no que a autora ficcionou en boa medida a súa nenez. «É unha colección de relatos, o que cobra un valor especial porque Xela deixou pouco en narrativa», resaltou Dolores Vilavedra. O fillo da escritora e tradutora, Darío Gil, asegurou que se trataba dun traballo que a súa nai «sempre quixo publicar, tiña moita confianza nel e por iso damos este paso. É algo pertinente». Tratarase, como é habitual, dunha edición non venal, que estará acompañada por un texto da profesora Ana Iglesias, e que contará con ilustracións de Bea Gregores (Vigo, 1995), nun aceno precisamente ao espírito de Xela Arias de atender ás vangardas.