Freixanes: «Ao escoller a Xela Arias escollemos o vento novo, o osíxeno que vivifica a lingua»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

A nai de Xela Arias descubre a placa conmemorativa que lembra o paso da poeta sendo nena polo colexio de Sárdoma
A nai de Xela Arias descubre a placa conmemorativa que lembra o paso da poeta sendo nena polo colexio de Sárdoma Óscar Vázquez

A Real Academia Galega abre no colexio vigués no que estudou de nena a escritora luguesa unha Primavera das Letras chea de contidos para os rapaces

03 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xela Arias sempre defendeu a necesidade de abrir espazos novos para a modernidade da lingua porque sabía que o galego non é unha lingua do século XIII, é unha lingua, diría hoxe, do século XXI. Unha lingua que enfronta as linguaxes, os territorios e os métodos do século XXI, os territorios da modernidade e os problemas e inquedanzas das novas xeracións. Ao escoller a Xela Arias para o Día das Letras escollemos o vento novo, o osíxeno que vivifica unha lingua e unha cultura». Así falou este martes en Vigo o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, nun fermoso acto que supuxo a apertura do programa vencellado ao Día das Letras Galegas adicado á poeta nada en Sarria. Foi no CEIP Sárdoma-Moledo, onde estudou de nena a escritora e tradutora luguesa.

Freixanes e a académica Fina Casalderrey participaron nun festexo con aires de futuro dirixido ao alumnado de infantil e primaria. Alí, no patio do centro, coa familia da poeta, descubriron unha placa de homenaxe que lembra o seu paso polo centro. «Para a Academia, este encontro da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa», subliñou Freixanes. «Nesta ocasión, a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa e toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza», enxalzou.

A RAG mantén a web primaveradasletras.gal dende o 2016. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da escritora. E tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, detallou Casalderrey. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria.

Ao colexio achegáronse Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns. «Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza», gabou Casalderrey.

«No CEIP Sárdoma-Moledo estamos moi orgullosos de que Xela sexa a protagonista das Letras. O seu pai, Valentín Arias, tamén foi mestre da nosa escola durante moitos anos polo que estamos dobremente contentos», subliñou a directora, Pilar Vila Nieto. «Ámbolos dous fixeron unha firme defensa da escola pública, da igualdade, do respecto polo medio ambiente e do noso idioma. Estamos seguros de que os nenos que hoxe temos nas nosas aulas tamén serán persoas que loiten, cada unha á súa maneira, por facer un mundo mellor», concluíu.

A inauguración de Primavera das Letras contou coa colaboración dos alumnos, que representaron distintos momentos vitais de Xela Arias e puxeron voz aos seus poemas. Parte deles de Darío a diario, libro que a poeta dedicou ao seu fillo. Hoxe, Darío Gil Arias pon en valor no marco deste proxecto o labor da súa nai como profesora e tradutora, perfís menos coñecidos que a súa faceta como poeta. «Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só non se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes», reflexionou.